O Laboratorio Central ocupa 2.900 metros cadrados na planta baixa do hospital, con entrada independente para a descarga de mostras pola antiga rampla de acceso a Urxencias.
Desde este mércores, co inicio da calibración dos equipos, a instalación convivirá durante polo menos un mes coa actual, a fin de poder avaliar perfectamente o comportamento dos novos equipos.
A nova infraestrutura sanitaria consta dunha área CORE automatizada para análise de Hematoloxía, Coagulación, Seroloxía e Inmunoquímica, e outra área de Urina, Nefelometría e Cromatografía.
A inversión realizada superou os 20 millóns de euros entre as obras de adecuación das instalacións e a adquisición dos equipos.
A cadea robotizada ten 57 metros de lonxitude e, nestes momentos, é unha das máis longas de España. Está preparada para procesar mil tubos cada hora. A nova cadea ten capacidade para almacenar nas súas neveiras ata 28.000 unidades. Dispón de 21 máquinas analizadoras e ten posibilidades de conectar outras catro máis.
Nestes momentos a demanda está lonxe da capacidade total das novas instalacións. “Estamos nunha media de 2.500 pacientes diarios, polo que se pode afirmar que analizaremos entre 6.000 e 8.000 tubos diarios”, explica o xefe do novo laboratorio, Arturo Fernández Nogueira.
Distribución
Tal como se deseñou a área de analíticas cando se produciu a reordenación de servizos na área sanitaria coa apertura do Álvaro Cunqueiro, no hospital de Beade mantense o Laboratorio de Reposta Hospitalaria, que trata as mostras de Urxencias e aquelas que se solicitan desde a unidades de hospitalización do propio hospital.
No novo laboratorio do Meixoeiro procesaranse todas as mostras que se obteñan tanto en consultas externas dos centros hospitalarios como nos centros de saúde de todo a área sanitaria. O número de peticións que se procesan ao ano na área ascende a 11 millóns.
Unha vez superada a fase de calibración dos equipos, producirase unha reordenación de espazos no Hospital do Meixoeiro, coa ampliación, entre outras, da Unidade de Mama.
Percorrido dixitalizado
Unha das principais novidades que proporciona o novo laboratorio, ademais da extraordinaria rapidez no procesamento das mostras, é a dixitalización de todo o proceso, incluído o transporte. Desta forma controlarse moito máis as mostras que chegarán ao laboratorio a diario. Todas as neveiras de transporte dos tubos estarán dotadas dun microchip, para a súa identificación desde o momento en que saen do punto de extracción ata que entran na cadea robotizada.
Para ese efecto, na entrada de mostras do laboratorio estará colocado un mecanismo para ler o orixe da mostra, o tempo que tardou en chegar ao laboratorio, a zona deste á que debe ser dirixida e o inicio do procesamento.
Vantaxes
“A posta en marcha destas instalacións supón un avance sen precedentes en todo o proceso analítico, desde que nace a petición do facultativo no sistema ata que lle chegan os resultados”, recalca Fernández Nogueira.
A rapidez no procesado das mostras, e como consecuencia na entrega dos resultados, e unha das principias vantaxes da posta en marcha no novo sistema. Ademais, o proceso dixitalizado e informático aporta unha maior seguridade á hora do tratamento dos distintos tubos, e tamén mellora a trazabilidade nos análises durante todo o proceso, desde que os solicita o facultativo hasta que lle chegan os resultados ao sistema.
Mentres, profesionais dos distintos servizos de analíticas mantiveron sesións de formación nas novas instalacións, sobre todo no manexo dos equipos informáticos que dan as ordes de activación de cada unha das zonas da cadea á que deben dirixirse os tubos.