Así, xa desde este mércores, os facultativos dalgúns centros de saúde poderán solicitar endoscopias dixestivas (gastroscopias e colonoscopias) de xeito que o 29 de abril este proxecto xa estea estendido a todos os centros da área. Ademais, a partires do 1 de abril, tamén terán acceso directo a petición de TCs intracranial.
Esta medida, enmarcada no conxunto de accións que a Consellería de Sanidade está a desenvolver para reformular o modelo de Atención Primaria galega, foi anunciada o pasado dia 6 polo conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, aínda que hoxe informouse do cronograma a estes profesionais. “Somos conscientes das dificultades que entrañou a posta en marcha da reordenación integral acometida na sanidade pública viguesa, o que nos esixe unha maior dedicación e unha especial atención a esta área sanitaria, e neste contexto imos implementar unhas actuacións específicas co obxecto de mellorar a atención aos pacientes de Vigo e a súa comarca ”-explicou Almuiña.
Beneficios para os pacientes
Trátase de accións orientadas a mellorar a accesibilidade ao sistema sanitario e, en consecuencia, a xerar maiores beneficios para os pacientes. Neste senso, ademais de incrementar o acceso dos médicos de primaria ás probas diagnosticas, tamén se acometerán cambios na accesibilidade ás consultas externas hospitalarias e se reorganizará a atención urxente domiciliaria.
Estas actuacións deixan patente a firme aposta e compromiso institucional con este nivel asistencial. A implementación destas medidas, nun marco colaborativo, van aportar melloras moi significativas para os pacientes e para as condicións de traballo dos profesionais, o que permitirá seguir garantindo o nivel de resolutividade e calidade asistencial que sempre ten caracterizado á atención primaria galega.
Mellora da Accesibilidade no Plan Estratéxico
No referido ao aumento da accesibilidade ás consultas externas do hospital, estase deseñando un Plan de Comunicación entre os profesionais de primaria e hospitalaria para as consultas moi preferentes. Así, os facultativos dos centros de saúde disporán dun contacto telefónico directo con cada especialidade hospitalaria, para consultar dubidas ou establecer a derivación preferente se fose preciso. Neste ámbito, vaise a establecer a demora máxima para e-interconsulta en 7 días, así como a a apertura de consulta presencial para aqueles que so teñen e-interconsulta.
Estas medidas -nalgunhas delas xa se viña traballando dado que están recollidas no Plan Estratéxico da área viguesa- danlle un pulo a unha das prioridades deste Plan, o da mellora da accesibilidade ao sistema sanitario. Hai que lembrar que a espera media para ser atendido en consultas externas dos hospitais vigueses ven experimentando unha diminución constante, cuantificada no último lustro en 27 días, o que fixo posible que a 31 de decembro do 2018 a demora media para ser atendido por un especialista do CHUVI fora de 50,49 días.
Outra das propostas máis innovadoras que se levarán a cabo unha vez que os profesionais de Atención Primaria manifesten a súa conformidade con este proxecto, será a reorganización da atención urxente a domicilio. Para isto, procederase á “zonificación” do Concello de Vigo, de xeito que esta prestación sexa atendida polo persoal do centro de saúde máis próximo á ubicación do paciente no momento que solicita esa atención urxente, con independencia de que coincida ou non co seu centro de saúde habitual.
Grandes avances
A necesidade de concretar un novo modelo de atención primaria ven imposta pola obriga de dar resposta a dous condicionantes da asistencia actual: a falta de médicos e o avellentamento poboacional. Nos últimos meses tense producido un gran avance coa posta en marcha dalgunhas decisións moi importantes, como o novo contrato de continuidade; a convocatoria dunha oferta de emprego público; e o investimento específico de 17,3 millóns de euros para este nivel asistencial.
O borrador para o novo modelo deste primeiro nivel asistencial, presentado a mediados do pasado mes de febreiro e que recolle 175 accións a desenvolver a curto, medio e longo prazo, non está pechado. E, neste senso, cabe reiterar que o departamento sanitario galego quere seguir escoitando a todas as partes implicadas e seguir mantendo
encontros con todos os profesionais de todas as categorías e todos os colectivos implicados para concretar e definir o novo modelo da atención primaria do futuro en Galicia. Isto é, a Consellería e o Sergas seguen abertos ao diálogo e ás achegas.
O texto recolle as achegas formuladas por máis de 100 profesionais de todas as categorías, nas 21 reunións mantidas ao longo de todo o proceso e constituídos en 10 grupos de traballo. Tamén se tiveron en conta as propostas dos profesionais a través dos correo electrónicos e as aportadas polos colexios profesionais, as asociacións científicas, o Consello Asesor de Sanidade e o de Pacientes, ademais das achegas da cidadanía a través das 4.549 enquisas telemáticas rexistradas na plataforma É-Saúde.