Con motivo do Día Mundial do Cáncer de Mama, a Unidade de Linfedema do servizo de Rehabilitación organizou unha sesión informativa sobre o linfedema, dirixida a pacientes. Así, unha ducia de mulleres operadas de cáncer de mama participaron onte nesta xornada, que se desenvolveu no salón de Actos do Meixoeiro.
Os fisioterapeutas desta Unidade ofreceron información sobre esta patoloxía e as pautas de prevención necesarias para evitar esta complicación tras a operación cirúrxica de lesións mamarias.
O Linfedema do membro superior secundario ao tratamento do cancro de mama é unha das complicacións máis frecuentes tras a extirpación dos ganglios linfáticos, con moita menor incidencia cando solo se produce a extirpación do ganglio centinela. De feito, nestes casos, cunha intervención fisioterapéutica precoz pódese prever esta complicación. O Chuvi aposta pola prevención e a rehabilitación como tratamento desta patoloxía.
Diminución da calidade de vida
O linfedema é un tipo de edema producido por unha acumulación de linfa, un líquido orgánico rico en proteínas de alto peso molecular, que produce un aumento de tamaño ou inchazón dunha extremidade ou de calquera outra zona do corpo. Cursa con dor e limitación de mobilidade, podendo presentar tamén lesións cutáneas e mesmo infeccións recorrentes como celulite ou linfaxite. Ademais destes cambios físicos, os pacientes que o padecen poden desenrolar alteracións psicosociais que limitan a súa calidade de vida.
Segundo explica Amparo García, coordinadora de Fisioterapia do Hospital Meixoeiro, “o tratamento combina varias técnicas: a drenaxe linfática manual, a presoterapia multicompartimental e a vendaxe multicapa de baixa elasticidade. É un tratamento longo, xa que cada sesión dura aproximadamente 60 minutos, e unha vez finalizado o paciente debe utilizar unha peza de compresión feita a medida de forma permanente”.
Traballo coordinado coa Unidade de Mama
A Unidade de Linfedema do Chuvi, emprazada no Hospital Meixoeiro, está formada por dous médicos rehabilitadores e catro fisioterapeutas especializados en técnicas de tratamento físico específicas de linfedema. Este profesionais traballan en coordinación coa Unidade de Mama. Estableceuse un protocolo de derivación onde os pacientes tratados de cancro de mama con baixo risco de desenvolver linfedema acoden á “Escola de Linfedema” onde ensínaselles as medidas de prevención e autocoidado apropiadas. Doutra banda, os pacientes de alto risco son valorados periodicamente polos médicos rehabilitadores da Unidade.
Diariamente trátanse16 pacientes, non só con linfedema secundario, senón tamén pacientes con linfedema primario onde a alteración do funcionamento do sistema linfático é conxénita; nalgúns casos tamén trátase a nenos. Isto supón unha cifra de uns 3.000 tratamentos ao ano.
A Unidade de Patoloxía mamaria estreou a principios de ano novas instalacións no Meixoeiro, cunha estrutura que duplica a superficie da anterior, con espazos amplos e cómodos para pacientes e traballadores. Segundo a coordinadora da Unidade, Rosa Mallo, “o espazo actual permite os circuítos diferenciados das salas de espera, diferenciando entre as salas para consultas e as das probas de imaxe; a nova estrutura posibilitounos, na actual pandemia, preservar as distancias interpersoais e manter a actividade da nosa Unidade garantindo as condicións de seguridade”.
608 intervencións cirúrxicas
A Unidade de Patoloxía de Mama, emprazada no hospital Meixoeiro, ofrece unha abordaxe integral das lesións mamarias, tanto benignas como malignas. Así, neste hospital centralízase, ademais das probas de diagnóstico por imaxe, todos os tratamentos cirúrxicos e radioterápicos de mama realizados no Chuvi.
Os profesionais diagnostican 350 casos novos de cancro de mama ao ano. O pasado ano realizáronse 608 operacións cirúrxicas, 7.771 consultas médicas, e 20.300 probas diagnosticas e técnicas intervencionistas. Entres estas, pódese subliñar os 9.498 estudos radiolóxicos (tomosínteses con reconstrución mamográfica); 8079 ecografías; 759 resonancias magnéticas e 1.937 procedementos intervencionistas de mama como biopsias, puncións, marcadores, etcétera.
Tamén dispón dunha “vía rápida” para casos de sospeita de carcinoma de mama; isto é, un circuíto asistencial que garante que calquera paciente con sospeita dunha lesión mamaria sexa atendido nesta unidade en menos dunha semana. O pasado ano atenderon por esta vía a 1.664 pacientes.
Así mesmo, conta cunha Consulta de Asesoramento de Risco en Cáncer de Mama, que atende ás pacientes que por franxa de idade non son subsidiarias dun cribado poboacional, pero que, por antecedentes persoais ou familiares, precisan dun seguimento diferente.