A iniciativa xurdiu como un primeiro paso para dar cumprimento ás indicacións do Plan Estratéxico da EOXI de Vigo coa posta en marcha de políticas de escoita activa aos pacientes e os seus familiares. Unha iniciativa que podería ampliarse, nos próximos meses, a outros servizos ou unidades asistenciais.
Os eixos fundamentais das enquisas, completadas a través dos teléfonos móbiles, refírense ao nivel de atención asistencial e ao trato humano que recibiron os nenos e nenas intervidos e os seus proxenitores. O proceso comezou hai dous meses en realizáronse máis dun centenar de consultas.
Así, a máxima puntuación -un 4,9 de media sobre cinco- alcanzouna a atención por parte do persoal de enfermería. A escasa distancia sitúase o nivel de atención por parte do persoal médico, que obtivo unha puntuación media de 4,89 sobre cinco.
Outro aspecto fundamental foi o referido á información facilitada tanto aos menores como aos seus proxenitores sobre a asistencia que ía recibir o paciente. A maioría dos enquisados afirmaron que dita información foi “moi clara”, e a nota media neste apartado situouse en 4,62 sobre cinco. Destaca a circunstancia de que ningún dos enquisados afirmou que a información foi “moi confusa” ou “confusa”.
O funcionamento da unidade dispón a realización dunha chamada de “control” sobre o estado dos pequenos pacientes ao día seguinte de recibir a alta médica, cando xa se atopan nos seus domicilios. A valoración deste procedemento obtén nas enquisas un 4,67 sobre cinco.
Ademais doutras variables da enquisa, a principal é a referida ao nivel de satisfacción global. A valoración neste caso fíxose do 1 ao 10, e a puntuación alcanzada foi de 9,22 o que significa un sobresaínte máis.
“Estamos moi satisfeitos cos resultados da enquisa, así como coa aceptación da mesma, xa que responderon practicamente todos”, asegura a anestesista María Dóniz. De feito, cando se puxo en marcha a unidade se entregaba aos pais e as nais unha enquisa en papel, á que contestaban menos do 20%. Co novo sistema a través do teléfono móbil o índice de resposta subiu ata o 90%.
Nas enquisas realizadas tamén existía a posibilidade de facer comentarios sobre a propia unidade e o seu funcionamento. “A maioría son satisfactorios e moi agarimosos”, comenta Dóniz.
Programa de CMA pediátrica
O pasado ano os profesionais do hospital realizaron 679 intervencións de Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA) a pacientes idade pediátrica. “É unha cifra moi importante”, afirma Doniz, que subliña: “Dos menores que recibiron o alta, ningún tivo que volver a ingresar por algún tipo de complicación. É un dato excelente”.
O programa de CMA pediátrico está baseado na realización de procedementos cirúrxicos, que requiren de anestesia, pero sen ingreso hospitalario; isto é, o mesmo día da intervención o neno é dado de alta.
Os doentes incluídos nesta modalidade asistencial compren sempre criterios estritos con respecto da súa patoloxía, do seu estado xeral e tamén da situación do seu domicilio e da facilidade que teñan para acceder de novo ao Hospital en caso de que fora necesario, unha vez dada a alta hospitalaria. Os estándares de seguridade asistencial son igual de esixentes que os da cirurxía con ingreso.
Así, unha vez realizado o procedemento cirúrxico establecido, o paciente trasládase ás camas de Recuperación Postanestésica para os primeiros momentos trala intervención; e despois, cando a súa situación clínica o permita, pasará aos postos de Adaptación ao Medio, sempre aos coidados do equipo de enfermería.
Aí permanecerá ata que o cirurxián e mailo anestesista, segundo protocolos establecidos, determinen o momento da alta a domicilio. No momento da alta, ao paciente se lle entrega un informe coas recomendacións e instrucións de coidados e coa cita de seguimento postcirúrxico.
Ademais, tal e como establece o protocolo, o persoal de enfermaría efectúa, ao día seguinte da intervención, unha chamada telefónica ao domicilio do paciente para control evolutivo, realizando o correspondente rexistro da mesma. En caso de detectar posibles incidencias, o profesional indicará a derivación que proceda.
As vantaxes da implantación deste programa son evidentes: permite avanzar na lista de espera cirúrxica, un maior incremento do rendemento de quirófanos e de rotación de camas de hospitalización.
Con todo, os beneficios máis salientables son para os usuarios, os nenos e familiares, xa que ao evitarse o ingreso hospitalario do neno, con toda a repercusión que este feito conleva para a familia, se incrementa considerablemente a calidade das prestacións asistenciais.