As unidades de EPOC e de Alfa-1 Antitripsina do servizo de Pneumoloxía da área sanitaria de Vigo acaban de ser acreditadas coa máxima certificación de calidade que concede a Sociedad Española de Neumología y Cirugía Torácica (SEPAR). Esta recoñecemento está considerado como o maior existente para a atención destas patoloxías en España e valora a calidade asistencial, docente e investigadora desenvolta polos seus profesionais.
Segundo afirma o xefe de Pneumoloxía, Alberto Fernández Villar, “estamos moi satisfeitos xa que a pesar da pandemia conseguimos que ambas unidades mantiveran a súa actividade e os seus proxectos de investigación e innovación, que con toda a traxectoria previa é o que valida SEPAR con este certificado de excelencia”.
Para as responsables de ambas unidades, as pneumólogas Cristina Represas (EPOC) e María Torres (Alfa-1), a obtención destas acreditacións “recoñece que prestamos unha atención coas maiores garantías e co máximo nivel de dispoñibilidade e accesibilidade. Supón unha validación do noso labor e do traballo en equipo realizado con outros servizos hospitalarios, e sobre todo coa Atención Primaria”.
A EPOC é unha patoloxía producida polo consumo de tabaco e, en menor medida, pola exposición a outros fumes, como os procedentes das cociñas de leña. É unha das enfermidades respiratorias crónicas máis frecuentes, e afecta aproximadamente ao 12% da poboación maior de 40 anos.
A Unidade do Álvaro Cunqueiro atende a 1500 pacientes anuais. Este dispositivo asistencial está composto por un equipo de dous pneumólogos, unha enfermeira xestora de casos, unha TCAE e unha administrativa. Ademais, conta coa colaboración da Unidade de Rehabilitación Respiratoria, dispoñendo semanalmente dunha consulta de fisioterapeuta para a valoración do paciente e educación en técnicas e exercicios de ximnasia respiratoria. Anualmente tratan con este programa rehabilitador específico a 80 pacientes.
A enfermeira xestora de casos é clave no funcionamento desta unidade. Leva a cabo tarefas de educación terapéutica, repaso de uso de inhaladores, apoio sociosanitario e diferentes charlas informativas sobre a enfermidade e autocoidados. Ademais, os doentes en seguimento dispoñen dun número de teléfono directo para calquera incidencia que puideran presentar, e no que se atenden unha media de 10 pacientes diarios.
O servizo mantén unha estreita colaboración coa Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) para derivar persoas que requiran este tipo de atención domiciliaria, así como coa Atención Primaria para coordinar coidados, establecer plans conxuntos de actuación e levar así unha atención máis integral.
Un cento de pacientes en Alfa-1
O Déficit de Alfa-1 Antitripsina é unha enfermidade xenética pouco frecuente, rara e incurable, que pode causar patoloxías pulmonares e hepáticas a quen a padece, nenos e adultos. Trátase dunha desorde hereditaria, con gran afectación na calidade e esperanza de vida.
O hospital Álvaro Cunqueiro dispón dunha unidade -único dispositivo asistencial específico existente en Galicia- na que colaboran tres pneumólogos, unha enfermeira e unha secretaria. Conta coa colaboración dos servizos de Dixestivo, Pediatría, e o Laboratorio de xenética. Ademais, hai que subliñar o traballo conxunto coa Atención Primaria, xa que con este nivel asistencial teñen implementado unha vía directa de derivación dos pacientes, desde os médicos de familia dos centros de saúde a esta consulta especializada.
No Cunqueiro aténdense anualmente unhas 400 consultas, incluíndo aos pacientes e aos seus familiares (dado que a familia tense que facer estudos xenéticos para confirmar ou descartar a enfermidade). No momento actual hai 100 pacientes, con déficit moderado e grave, diagnosticados e en seguimento na consulta. De feito, este hospital é o centro europeo que máis pacientes con esta patoloxía ten incluído no rexistro europeo desta enfermidade (EARCO).
A enfermidade pulmonar afecta fundamentalmente a adultos novos que, en combinación co efecto do tabaco e outras exposicións ambientais ou laborais, como a contaminación do aire ou o traballo con produtos tóxicos, desenvolven enfisema pulmonar. Tamén é frecuente a patoloxía hepática, sobre todo nos recen nados e nos nenos.
Por último, cabe subliñar que esta patoloxía está incluída dentro das enfermidades raras, e que esta forma de organización asistencial colaborativa encaixa no marco da Estratexia de Atención ás Enfermidades Raras que o Sergas vén de presentar.