O próximo mércores dia 19 terá lugar a proxección do documental ‘A bicicleta de Esther’, un traballo que aborda a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC). O evento terá lugar no auditorio da sede viguesa de Afundación, situada na rúa Policarpo Sanz.
Tras a proxección, darase paso a un coloquio no que participarán o director do documental, Ander Luque; o médico de Atención Primaria, Jaime Gonzalvez; a pneumóloga Cristina Represas; a enfermeira de pneumoloxía, Maria Luz Aballe; e unha paciente con esta doenza, Maria Teresa García.
A EPOC é unha patoloxía con elevada prevaleza e unha das que produce maior morbilidade e mortalidade en todo o mundo, situándose como a cuarta causa de morte, por diante do cancro de pulmón, en España. Un 11,8% da poboación maior de 40 anos padece esta patoloxía respiratoria no noso país. Os síntomas máis frecuentes son a disnea, a tose crónica e a expectoración.
A pesar desta elevada prevalenza e mortalidade, a EPOC segue sendo unha enfermidade descoñecida pola maioría da poboación.
Por isto, os promotores deste proxecto, GSK e a Cátedra RespiraVida, realizaron o documental co obxectivo de sensibilizar á poboación xeral sobre as graves consecuencias que leva esta patoloxía día a día ás persoas que a padecen. Nesta crónica retrátase a vida de Esther, unha muller con EPOC, e o seu marido, Antonio. Os dous, xubilados, tratan de superar as barreiras ás que se enfrontan por culpa desta enfermidade. Esther narra en primeira persoa as dificultades nas que se ve envolvida tras ser diagnosticada desta patoloxía.
O director subliña a idea de gravar esta reportaxe desde personaxes anónimos e reais co fin de que “todo o mundo que convive con esta enfermidade puidese sentirse identificado, pero tamén facer un documental que fose de interese para as persoas que non teñen ningunha relación coa patoloxía”.
Vigo, nun estudo nacional
A área Sanitaria de Vigo, a través do servizo de Pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, é o único centro galego que participou no Estudo EPISCAN II, realizado por 20 centros de 17 comunidades autónomas españolas. Un estudo que faise desde o ano 2018.
Para ese traballo os profesionais de Pneumoloxía do Chuvi entrevistaron a 600 persoas adultas seleccionadas ao azar en toda a área viguesa. Ademais das entrevistas realizáronlles probas de función respiratoria e nalgúns casos TC de tórax.
Os resultados do estudo reflicten que case o 17% das persoas maiores de 40 anos, tras realizar unha espirometría, ten algunha alteración obstrutiva. Unha porcentaxe elevada se tense en conta que a media española sitúase nun 11,8%. Ademais, case un 73% desas persoas non estaban diagnosticadas.