O sindicato CIG reclamou este mércores dar un uso sanitario ao edificio da antiga cafetería do Hospital Xeral, que non está incorporado ás obras de reforma para construír a nova Cidade da Xustiza de Vigo.
O inmoble e os espazos anexos están a ser empregados polo Sergas para labores de almacenamento de material, o cal supón “desaproveitar unha gran parte das instalacións, sen un plan claro sobre o seu futuro”.
CIG-Saúde da comarca de Vigo pide que se faga un estudo das posibilidades da instalación para reforzar o papel do centro integral de saúde de Taboada Leal, onde conviven instalacións de Atención Primaria e de Atención Hospitalaria.
“Na situación actual, onde quedou claro que as infraestruturas sanitarias da nosa área son insuficientes, non podemos perder a oportunidade de sacar partido dun edificio dese volume e nesa localización”, recalca o sindicato.