Os profesionais sanitarios inician este 5 de outubro a súa vacinación contra a gripe co obxectivo de facilitar e favorecer a inmunización. A poboación xeral, e especialmente os grupos de risco están chamados a vacinarse a partir do vindeiro martes 13 outubro. Galicia ten este ano un total de 865.830 doses dispoñibles para esta campaña, 200.830 doses máis que na campaña do 2019, e “suficientes” para conseguir e incluso incrementar estas altas coberturas propostas como obxectivo.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudiu pola mañá a vacinarse da gripe no centro de saúde de Lavadores de Vigo, dentro da campaña que está a levar a cabo o seu departamento para protexerse contra esta enfermidade.
Comesaña destacou que cumprir con este trámite este ano ten unha especial relevancia, xa que no contexto da pandemia pola Covid-19 poden coincidir ambas infeccións, de aí a importancia da vacinación antigripal das persoas en risco e a redución da carga desta enfermidade.