A EOXI de Vigo publicou este venres a relación provisional de puntuacións e destinos adxudicados neste primeiro concurso ordinario do persoal estatutario fixo do ámbito de atención hospitalaria. Foi a primeira convocatoria ordinaria porque houbo unha extraordinaria trala reordenación sanitaria da área viguesa.
Trala baremación dos participantes no proceso -no que contemplouse diversos apartados de méritos como experiencia, formación e docencia-, obtiveron o destino solicitado o seguinte persoal: 260 profesionais de enfermaría, 162 TCAEs, 100 celadores, 47 auxiliares administrativos, 16 Técnicos en Imaxe Diagnóstica, 9 fisioterapeutas, 2 terapeutas ocupacionais e 1 logopeda.
Un millar de postos ofertados para 9 categorías profesionais
Foi o maior concurso da historia da sanidade pública viguesa, tanto polo número de postos ofertados como polas categorías profesionais ás que vai dirixida, co obxecto de darlle ao persoal a oportunidade de mellorar as súas condicións de traballo.
Así, ofertáronse 1184 postos aos que podían concursar 2223 profesionais de 9 categorías do cadro de persoal do Chuvi como enfermeira/o, fisioterapeuta, técnica/o en coidados auxiliares de enfermería, auxiliares administrativos, celadoras/es, técnicos en diagnóstico por imaxe, terapeutas ocupacionais, logopedas, e enfermeiras/os especialistas en saúde mental.
Isto é, o persoal fixo desas categorías profesionais con destino definitivo nos centros que conforman o Complexo Hospitalario de Vigo puideron participar voluntariamente neste concurso de mobilidade interna para optar a un novo posto de traballo, cambiar de centro, de Unidade ou de horario (ofértanse quendas fixas e quendas rotatorias).
Esta convocatoria foi a primeira que se produce desde o ano 2010 con acordo dos representantes sindicais, o que ven a confirmar a normalidade nas relacións laborais.
Considerase unha oportunidade para todo o persoal fixo de favorecer a conciliación laboral e familiar e realizar a súa actividade noutras unidades distintas a de orixe para desenvolver a súa carreira profesional.
48 participantes na mobilidade interna Primaria
Tamén esta semana, o pasado dia 7, publicouse a relación provisional do concurso de mobilidade interna que anualmente se convoca para o persoal de atención primaria. Con este procedemento puideron beneficiarse 48 profesionais -sanitarios e non sanitarios- que elixiron participar para optar por outro destino entre os diferentes centros de saúde.
A dia de hoxe, a EOXI de Vigo conta cun cadro de persoal de 5.556 traballadores dos que 4.113 son fixos (un 74,03%).