Un programa de fisioterapia precoz permite recuperar, aos tres meses, a continencia urinaria á maioría das persoas que, por mor do cancro, tiveron que ser sometidas á extirpación da próstata. Esta é a principal conclusión dun estudo levado a cabo polo servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) en colaboración co grupo de investigación en Fisioterapia da Universidade de Vigo, cuxos resultados foron publicados na revista Neurology and Urodynamics.
Os participantes neste estudo foron o xefe de Uroloxía, Antonio Ojea, a uróloga Sabela López e as investigadoras da Facultade de Fisioterapia Mercedes Soto, Eva Lantarón, Iria Da Cuña e o que fora, ata a súa xubilación, coordinador deste grupo, Manuel Gutiérrez.
Na investigación foi levada a cabo con 50 pacientes de cancro de próstata, que sometéronse, durante tres meses, a un programa de electroterapia e ‘biofeedback’. Tras este tratamento, o 64% acadaran esa continencia urinaria fronte ao 9,1% dos integrantes do grupos de control do estudo que non se someteron a ningún tratamento específico.
Segundo afirma o xefe de Uroloxía do Chuvi, Antonio Ojea , a prostactomía radical é unha intervención cirúrxica consistente na extirpación da próstata e das súas vesículas seminais, e que permite reducir en gran medida os índices de mortalidade deste tipo de cancro. “Con todo, un dos principais problemas derivados desta operación é a incontinencia urinaria; de feito, hai homes que poden chegar a perder litro e medio de urina ao dia , é dicir, todo o que beben. Isto supón unha gran diminución da súa calidade de vida”, sinala. De aí que a investigación puxese o foco na importancia dunha intervención precoz para acelerar o proceso de recuperación.
Os pacientes sometéronse durante tres meses a un tratamento con tres sesións semanais, no que se combinaba a electroterapia e a realización dun programa de exercicios de fortalecemento do solo pelviano con ‘biofeedback’, un sistema que permite a medición das contraccións realizadas e que as visualiza nunha gráfica. Con este procedemento os pacientes perciben o esforzo que están a realizar e aprenden o xeito de efectuar correctamente as contraccións.
Para coñecer os efectos deste programa, os integrantes foron sometidos cada mes a dúas avaliacións diferentes. Unha deles implicaba a realización dunha serie de exercicios, como agacharse, levantarse ou tusir, que exercen presión sobre a zona e dificultan a continencia; despois comprobaban a cantidade de urina que perderon. Outra das avaliacións estaba dirixida a cuantificar, a través do pesado dos cueiros, as perdas que sufriran ao longo de 24 horas, nas que facían vida normal.
Posteriormente, realizábaselles unha nova avaliación aos seis meses, xa que podería ser que melloraran moito durante o tratamento e despois empeorasen. Comprobouse que a continencia mantíñase ou melloraba. Dados os resultado do estudo, o equipo investigador conclúe a importancia de incluír a fisioterapia dentro do equipo multidisciplinar de tratamento destes pacientes.