A xornada estivo organizada pola Asociación de Enfermos con Artrite da Provincia (Asearpo) xunto co servizo de Uroloxía do Chuvi. Na reunión participaron preto de trinta persoas pertencentes á asociación, que expuxeron as súas dúbidas sobre a cuestión ao urólogo Rubén Montero.
Os datos obxectivos de que dispón o Sergas poñen de manifesto que uno de cada tres homes maiores de 65 anos na área viguesa padecen problemas de disfunción eréctil. Unha idade que no caso dos pacientes con artrites descende considerablemente.
A presidenta da Asociación, Mabel Avendaño, indicou que “temos asociados con problemas de disfunción en idades moito máis temperás, a partir dos 35 ou os 40 anos”.
A disfunción eréctil caracterízase pola achega insuficiente de sangue ao pene para que este poida ter unha erección ante un estímulo sexual. As causas poden ser moitas e complexas, tanto anatómicas como neurolóxicas. E un dos supostos nos que se produce é nos pacientes que sofren artrite.
“O que se descoñece en moitos casos é se a disfunción é consecuencia directa de padecer a enfermidade ou se, pola contra, prodúcese polos efectos secundarios de determinados fármacos que se utilizan para os tratamentos da artrite, porque non todos os enfermos teñen ese problema asociado”, explica a presidenta de Asearpo.
O obxectivo destes encontros con pacientes como o realizado no Álvaro Cunqueiro é despexar as dúbidas que poidan ter os afectados pola disfunción e que padecen artrite. De aí a importancia de compartir experiencias e explicacións cos especialistas en Uroloxía.
Tratamento da disfunción
O doutor Rubén Montero explica que “hai distintos procedementos para tratar a disfunción eréctil; a medicación con determinados compostos farmacolóxicos é un deles e contribúe moitas veces a solucionar o problema”. Trátase sempre de medicación específica para determinados casos.
Existen ademais outros procedementos mediante o emprego de dispositivos ou as próteses. Con todo, a implantación de prótese non está moi estendida. “Pode ser só a solución para un grupo de pacientes moi seleccionado”, explica o urólogo Rubén Montero.