A área sanitaria de Vigo sumouse este 3 de xuño, un ano máis, aos actos do Día Mundial do Doador de Órganos. Pero fíxoo cun chamamento á doazón, despois que desde o mes de marzo caese ata un 80% con respecto ao mesmo período do ano anterior. A pandemia provocou este descenso histórico, que é máis acusado tendo en conta que Vigo experimentou en 2019 un récord de doazóns.
A recuperación destas cifras é o obxectivo que perseguen tanto a Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI) como a Xerencia da Área Sanitaria. “De aí a importancia dos actos que se desenvolveron este mércores na zona de consultas externas do Hospital Álvaro Cunqueiro, cunha mesa informativa para concienciar á poboación da importancia de doar para salvar vidas”, sinalan desde a área sanitaria de Vigo, que destaca dúas causas.
Por unha banda, a caída de traumatismos e dos ingresos por ictus (un 40% menos destes casos nestes meses) como consecuencia do confinamento da poboación e o temor para acudir ao hospital. Por outra, a esixencia extrema cos posibles doadores, tal como recoñece o coordinador de transplantes do Chuvi, o intensivista Lucas Lage.
Caída espectacular
Os datos rexistrados nos primeiros cinco meses deste ano non deixan lugar a dúbidas. Mentres desde xaneiro a maio de 2019 houbo 12 doadores e extraéronse 42 órganos, este ano a cifra desde xaneiro foi de 6 doadores e 19 órganos extraídos, o que supón un decrecemento dun 50%.
A diferenza aínda é maior ao comparar o período de marzo a maio en ambos os dous anos. En 2019 houbo nestes tres meses 8 doadores e 34 órganos extraídos. Este ano, só houbo 2 doadores e extraéronse 7 órganos, o que representa unha diferenza dun 75% en doadores e un 80% en número de extraccións.
A circunstancia é aínda máis rechamante se tense en conta que na área sanitaria de Vigo concéntrase unha de cada tres tarxetas de doadores de Galicia, cun total de 31.799 persoas, e que a taxa de negativas das familias dos falecidos está nun 12%, un punto e medio por baixo da media galega e dous puntos menos que a media española.