A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou este martes 17 de marzo de que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 285. Deles 49 pertencen á área sanitaria de Vigo, que suma así só tres positivos máis que os que tiña rexistrados este luns.
Igualmente, 84 son da área da Coruña, 26 da de Lugo, 32 da de Ourense, 37 da de Pontevedra, 50 da de Santiago e 7 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 9 permanecen en UCI, 52 están en unidades de hospitalización e 224 no domicilio. Polo de agora en Galicia, rexistráronse catro altas de pacientes e tres falecementos. O número de probas realizadas ascende a 2.099.
A Consellería de Sanidade reiterou que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas tamén lembra ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.