Unha correcta hixiene de mans pode salvar vidas e evitar contaxios e infeccións. ‘Salva vidas, limpa as mans’ é o lema deste ano do Día Mundial da Hixiene de Mans, que se celebra este 5 de maio. A área sanitaria de Vigo quixo sumarse a esta conmemoración coa difusión dun vídeo no que persoal das diferentes categorías profesionais –medicina, enfermaría, celadores, etcétera- insisten na importancia dun correcto lavando na loita contra as infeccións.
O obxectivo é conseguir que tanto profesionais como a poboación en xeral extremen o coidado na hixiene de mans nas súas actividades diarias. “Aínda que neste contexto de pandemia témolo máis presente que nunca, aproveitamos o día de hoxe para lembrar a importancia da correcta hixiene de mans no desenvolvemento da nosa actividade tanto para pacientes, para profesionais e para visitantes. E non esquezamos que para unha boa hixiene de mans, no noso traballo é necesario ter as mans sen xoias e as uñas sen esmalte”, lembran os profesionais.
Os expertos coinciden na eficacia probada dunha correcta hixiene de mans para evitar infeccións. A sinxeleza desta práctica e o seu reducido custo -con auga e xabón ou con algunha solución hidroalcohólica- sitúana como a medida máis importante para evitar os contaxios.