Peinador despediu este domingo aos 147 pasaxeiros que puxeron rumbo aos campamentos de refuxiados saharauis en Tinduf. A expedición recibiu, antes de saír, a visita da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, así como aos alcaldes de Nigrán, Juan González, e Gondomar, Francisco Ferreira, ou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Na acción, organizada pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), acompañan aos membros da ONG integrantes das distintas organizacións políticas, voluntarios, sanitarios e colaboradores, así como as familias de acollida temporal dos nenos e nenas do programa “Vacacións en Paz”. Este programa, no que a Xunta participa activamente desde o ano 2017, permitiu nas últimas tres décadas traer a Galicia en temporada estival a máis de 6.500 nenos e nenas desta rexión do norte de África.
Na súa intervención, Fernández-Tapias sinalou que o apoio que desde vén prestando o Goberno galego a este colectivo centrouse nos dous últimos anos en “dar resposta ás necesidades máis urxentes da poboación saharauí en relación coa crise sanitaria da Covid-19, co obxectivo de contribuír á mellora das súas condicións de vida, a través do subministro de alimentos”.
Segundo informou, Sogaps recibiu nos últimos 5 anos achegas da Xunta de Galicia para o financiamento de actuacións relacionadas coa poboación saharauí por importe de máis de 3 millóns de euros.