O complexo deportivo Máis que Auga informou este xoves de que se suma á iniciativa «O Proxecto 0-3», da asociación Sinerxia 360 en colaboración con AFAN Vigo, para colaborar na recolecta de recursos para os nenos máis pequenos. «Nos momentos complicados é cando máis se necesita a solidariedade. Sabemos que hai familias que están nunha situación económica moi difícil e non podemos mirar para outro lado», sinala a concesionaria.
O obxectivo prioritario da iniciativa e que todas as familias con bebés de idades comprendidas entre 0 e 3 anos teñan os recursos de hixiene e nutrición necesarios para os seus peques. Calquera achega será ben recibida, desde potitos a leite de crecemento, de cueiros a toalliñas hixiénicas; de cremas hidratantes a champús ou xel; dun axóuxere a un biberón…
Máis que Auga pide a colaboración de todos os usuarios e veciños e informa de que a recollida estará centralizada nos tres centros de Máis que Auga (Navia, Coia e Barreiro) os días
18, 19 e 20 de decembro. Nas instalacións haberá contedores nos que se pode depositar a achega. A Asociación de Freixeiro de Axuda ao Necesitado ( AFAN) será a encargada de repartir despois os produtos entre esas familias que o necesitan.
AFAN é unha asociación que desde hai máis de trinta anos axuda a persoas en situación de vulnerabilidade, grazas á solidariedade de persoas, empresas privadas, a colaboración de voluntarios e o apoio financeiro das administracións públicas. A pandemia do Covid-19 aumentou moito o número de familias que necesitan axuda e por iso AFAN solicita a colaboración de todos os vigueses e viguesas para que aos bebés de 0 a 3 anos de Vigo non lles falten eses produtos básicos de alimentación e hixiene.
Esta campaña está amadrinada pola xornalista Noelia Otero, que hai uns anos puxera en marcha este proxecto 0-3 xunto con David Suárez. Desgraciadamente foi necesario reactivalo neste complicado momento e Noelia volveuse involucrar lembrando a todos que “necesitamos a vosa axuda, porque os máis pequenos necesítannos”. Ademais, un gran número de famosos están a sumarse a esta iniciativa. Pódese atopar toda a información sobre o proxecto así como os vídeos de todos os personaxes que apoian esta iniciativa no Instagram @asociacionsinergias360.