O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega esta mañá no Museo do Mar a Javier Pitillas das 364 cartas de apoio da súa candidatura ao Premio Princesa de Asturias da Concordia proposto polo Goberno galego.
Alfonso Rueda, que estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, indicou que esta é unha mostra ao fundador de Discamino que dan testemuña do seu gran labor, da súa humanidade e da súa entrega. Ademais, asinouse un convenio de colaboración coa Asociación para a adquisición dun vehículo adaptado para cadeiras de rodas, con plataforma eléctrica, que permita axudar ao traslado dos usuarios nos percorridos do Camiño, cun orzamento de preto de 37.000 euros.
“A través do voso labor solidario, posibilitades que persoas con discapacidade poidan realizar e gozar do Camiño de Santiago”, afirmou Alfonso Rueda, que xa leva feito algún tramo do Camiño coa Asociación nos últimos anos e onde afirmou que “tan pronto poidamos, agora que temos un dobre Xacobeo por diante, espero acompañarvos unha vez mais nunha peregrinaxe a Compostela”
Iniciativa solidaria
Discamino naceu no ano 2009, destinada a posibilitar a realización do Camiño de Santiago a todas as persoas con discapacidade que mostren interese nesta ruta de peregrinación como vía de superación persoal ademais de difundir os valores da cultura do deporte e do esforzo, así como o recoñecemento e a valía de todas as persoas, independentemente das súas características.
Na actualidade, Discamino conta con 90 voluntarios que co seu traballo posibilitaron que ata o de agora 115 persoas con discapacidade puidesen vivir a experiencia da Ruta xacobea. En total, desde hai xa 11 anos e de xeito ininterrompido, realizáronse 72 camiños, entre os que salientan catro veces o Camiño Francés, dúas a Vía da Prata e distintas probas deportivas como a volta ciclista a España, a volta ciclista por Andalucía, a volta ciclista polo Cantábrico ou as rutas polos Alpes e os Pirineos.
Francisco Javier Pitillas Torra é sarxento da Policía Local da cidade olívica e atleta de éxito internacional. Apaixonado do atletismo, foi subcampión absoluto de España, internacional en seis ocasións, e campión de España en categoría de veteranos.
No ano 1996, Javier Pitillas comezou a adestrar a persoas asociadas á Organización Nacional de Cegos, ONCE, e desde entón adestra a persoas con diversidade funcional e colabora con multitude de entidades de atención á discapacidade tanto de ámbito autonómico como estatal. Polo seu traballo con Discamino, Pitillas conta coa Medalla Castelao en 2014 e a condecoración da Orde do Mérito Civil en 2015.