A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este 24 de decembro tres das catro entidades de Vigo que resultaron beneficiarias do convenio asinado pola Vicepresidencia primeira, a Consellería do Medio Rural e o Parlamento de Galicia para facilitar menús solidarios de Nadal a familias e persoas vulnerables.
A representante autonómica desprazouse ata as Misioneiras do Silencio, Banco de Alimentos -xunto ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices- e a Asociación Vida, que durante a mañá foron recibindo os menús elaborados a base dos alimentos adquiridos aos produtores e industrias de transformación de Galicia que forman parte da rede Mercaproximidade, impulsada pola Xunta durante o estado de alarma. En total, segundo informou, repartíronse 3.040 menús completos entre estas tres entidades sociais e a Asociación de Caridad Santiago Apóstol de Cangas.
Unha colaboración que, sinalou a delegada, ten como finalidade continuar a cooperación coas entidades de iniciativa social que realizan actuacións dos servizos de cobertura de necesidades de alimentos, dotándoas con estes menús. Desta forma, séguese tamén a apoiar o traballo do sector primario galego que tamén sufriu as consecuencias da pandemia.
Segundo informou Fernández-Tapias, cociñeiras e cociñeiros galegos de prestixio encargáronse de elaborar, nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, estes menús que os comedores sociais ou cociñas económicas servirán esta Noiteboa para os que se contou cun orzamento de 65.000 euros. A coordinación da intendencia necesaria correu a cargo da ONG World Central Kitchen.
Se da así resposta, en palabras da delegada, á demanda das propias entidades sociais que poñen agora o acento na celebración do Nadal, e na necesidade de realizar actuacións concretas que permitan que as familias e as persoas en situación de vulnerabilidade poidan tamén celebrar estas festas. Unha iniciativa que se suma o acordo de colaboración entre a Xunta e o Parlamento, que o pasado luns propiciou a distribución de alimentos, no caso de Vigo, entre as Misioneiras do Silencio, Banco de Alimentos, Comedor de la Esperanza e Afan.
Entre os produtos agroalimentarios que se repartiron figuraron queixos, mel, carne de Ternera Gallega, de porco celta ou de cordeiro e patacas. Produtos de primeira necesidade que, recordou Fernández-Tapias, supoñen unha axuda para que estas entidades poidan responder á crecente demanda derivada da crise sanitaria especialmente nestas datas de Nadal. Esta primeira iniciativa contou cun orzamento total de 130.000 euros.