Nos primeiros sete meses de 2020 formalizáronse 275 adopcións no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN), unha cifra positiva pero que contrasta cos 693 cans que foron recollidos na rúa no mesmo periodo. Destes últimos, foron devoltos aos seus propietarios un total de 305 polo que quedaron no centro un total de 388.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, que inaugurou este mércores as obras de mellora no Centro de Acollida e Protección de Animais, subliñou “o cambio radical” do centro, “referencia” no benestar dos cans e cadelas que alberga ata acadar o obxectivo final da adopción. “O trato que lle damos aos animais defínenos como sociedade, e co CAAN somos xa unha referencia en benestar animal”, destacou Silva, que coñeceu a reforma da man do veterinario xefe, José Luis Pedreira, e do deputado responsable do centro, Manuel González.
Máis polo miúdo, Carmela Silva explicou que as obras realizadas permitiron crear unha nova zona de maternidade, con estancias deseñadas para as nais xestantes, nais con cachorros e tamén cachorros de pouca idade. “Están con todas as condicións, como chan radiante, sistemas de ventilación e un deseño confortable e seguro para os cachorros”, explicou. Precisamente, a presidenta foi a encargada, xunto co veterinario xefe, José Luis Pedreira, de acomodar nos seus novos cubículos aos cachorros “Cuna”, “Cunita” e “Cuño”, recollidos en Vilanova hai uns días; “Casti”, recollido en Meis e “Olla”, a nai dos cachorros “Olliño”, “Ollana” e “Alsi”, que foran atopados abandonados en Rodeiro. As novas estancias desta zona lles permiten aos cachorros acceder de forma directa a outros espazos ao aire libre para garantir o seu benestar.
Ademais desta nova área, reformouse a de hospitalización, ampliando o espazo dispoñible, e na de clínica creouse unha sala de raios x e un novo quirófano. “Antes a zona de hospitalización era moi pequena e agora hai un centro ben dotado”, engadiu a presidenta. Unha das reformas que tamén destacou de xeito significativo foi a eliminación das gaiolas da zona de corentena: “Parecíame duro ver aos animais en gaiolas e agora están en estancias seguras, amplas, con ventilación e o máximo benestar”. E tamén subliñou a mellora que supón a nova zona de esparexemento, “para que os cachorros socialicen, ou para cando veña xente a adoptar aos animais para que poidan contactar, así como para futuras actividades”.
Finalmente, acometéronse traballos de impermeabilización en diversas zonas, a instalación da rede de drenaxe e saneamento para garantir a salubridade e reformáronse varias xanelas para facilitar a súa apertura. Traballos que, como resumiu a presidenta, “buscan un trato máis individualizado e próximo cos animais”.
Carmela Silva quixo subliñar o compromiso de todo o equipo que traballa no CAAN na atención aos cans e cadelas do centro e destacou a este respecto a adhesión de novos concellos ao servizo que presta a Deputación (O Porriño e Ponteareas), co que xa son 50 na provincia. “Cada día hai máis concellos que confían no CAAN e iso amosa o bo facer que hai aquí apuntou. Hai confianza e credibilidade no traballo que se desenvolve”.
Adopcións e abandonos
A presidenta aproveitou para facer balance dos primeiros sete meses do ano no centro, facendo fincapé no incremento notable das adopcións que se está a producir, pero tamén no problema de abandono que continúa na provincia. No primeiro caso, explicou que as 275 adopcións ata xullo “son os mellores datos e se segue todo como ata agora, poderiamos acabar o ano con 500, batendo o récord do pasado ano, en que houbo 466”.
“A mala noticia engadiu a presidenta é que segue a haber moitos abandonos. Algo que me indigna. Non podo entender que se abandone aos animais. Ter un animal é un acto de responsabilidade e significa que cando o levas ao teu fogar, queda contigo ata que remata a súa vida. Abandonar aos animais é un acto de xente cavernícola, pouco avanzada e pouco desenvolvida. Pido un enorme esforzo para que non haxa máis abandonos e teñamos ademais unha actitude de denuncia, porque hai sancións para a xente que abandona”.
A este respecto, entre xaneiro e xullo houbo 693 recollidas de cans e cadelas (no ano 2019 foron 1.332). Deles, 186 foron entregados ao propietario no lugar do aviso, mentres que 119 foron recollidos no CAAN polos propietarios.