A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (Afaga) organiza un ano máis a gala benéfica de monólogos ‘Non te esquezas de rir’. A cita será o domingo 9 de febreiro no Auditorio do Teatro Afundación en Vigo, ás 19:00 horas.
Oswaldo Digón será un ano máis o gran mestre de cerimonias da gala ‘Non te esquezas de rir’, que conta con outros tres grandes cómicos galegos: Marcos Pereiro, Pepo Suevos, Federico Pérez.
Uns profesionais de excepción e moi solidarios, xa que participan na gala de forma totalmente desinteresada, coa única intención de facernos rir e apoiar ás persoas que sofren alzhéimer, ás súas familias e aos coidadores.
Pola súa banda, Afundación tamén fai unha gran achega para a celebración deste evento xa que, ano tras ano, cede a sala do auditorio a Afaga para poder realizar o espectáculo.
As entradas custan 12 euros e véndense en Ataquilla.com e no Centro de Atención Integral de Afaga, situado en Martínez Garrido, 21. Interior.