Foi unha experiencia para repetir, e así se fai dende que Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) e a asociación Remadoira contactaron por vez primeira hai catro anos, en 2013. Esta relación permite que persoas con discapacidade poidan ter acceso á navegación en barcos tradicionais, como son o carocho e o trebello, que durante o mes de xullo e agosto saíron navegar, en cinco ocasións, pola ría de Vigo.
O carocho de Remadoira é unha embarcación de ascendencia vikinga, construída seguindo a feitura dun carocho moi antigo que se dedicaba á carga de mercadorías no río Miño, o que lle dá unha grande estabilidade e amplo espazo, permitíndolle o acceso a persoas usuarias de cadeira de rodas e a posibilidade de poder moverse. Tamén, ao contar cunha altura similar á do pantalán, facilita as transferencias dende o peirao ata a embarcación.
Nesta ocasión, ademais de contar co apoio dea asociación Remadoira, a actividade de navegación foi posible coa colaboración da agrupación Náutica San Gregorio, entidade pioneira na construción de pantaláns adaptados. Estes peiraos, que contan cun deseño de rampla de entrada que diminúe a pendente producida coa baixa mar, tamén está dotada de fingers anchos que permiten o aceso de persoas en cadeiras de rodas ás embarcacións.
Durante a navegación, ademais do carocho e o trebello, a travesía contou coa participación dun barco de apoio da agrupación San Gregorio, toda unha experiencia que permitiu coñecer máis de cerca o manexo e a utilidade das embarcacións tradicionais, onde non faltaron as explicacións sobre a utilidade de cada unha destas como ferramentas de traballo e sustento das familias mariñeiras.
En palabras do presidente de San Gregorio, Ramón Fontán, “esta experiencia resulta ser sumamente enriquecedora porque ademais de poder gozar da experiencia da navegación pola ría, tamén se aprende historia dos nosos antepasados, converténdose nunha xornada cultural e didáctica”.