Trátase dun texto impulsado pola Asociación Española de Auditores Socio-Laborais co obxectivo de establecer o principio de tolerancia cero respecto da violencia contra as mulleres. En palabras do director xeral de Vitrasa, Juan Carlos Villarino, “coa firma deste Protocolo a empresa quere sensibilizar aos traballadores e traballadoras para que adopten unha actitude proactiva contra a desigualdade de xénero”.
Coa firma deste protocolo, Vitrasa comprométese a garantir os dereitos dentro do ámbito laboral para que as traballadoras que sufran violencia de xénero poidan conciliar as esixencias da relación laboral coas súas circunstancias persoais ou familiares. Do mesmo xeito, asume a responsabilidade de promover unha cultura de rexeitamento e sensibilización que propicie unha mellora do clima e saúde laboral do persoal. A entrega da Acreditación como empresa subscritora do protocolo tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia.
Compromiso coa igualdade
Vitrasa mostrou en reiteradas ocasións o seu compromiso contra a discriminación de xénero. No ano 2008 puxo en marcha un Plan de Igualdade de Oportunidades e Non Discriminación converténdose, deste xeito, na primeira empresa de transporte en contar con el.
A dirección da compañía asumiu o compromiso de velar pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a acabar coa discriminación salarial por razón de sexo e a pór en marcha unha Comisión de Igualdade, no seo da empresa, que vixiará o cumprimento destes compromisos. Vitrasa conta na actualidade cun total de 283 homes e 41 mulleres no seu persoal, das cales 30 son condutoras de autobús.