Setembro e outubro chegan cargados de historia e patrimonio coa volta dos programas culturais da Deputación de Pontevedra, ‘Historias Cavadas’ e as Rutas de Arquitectura, que ofertarán un total de 440 prazas para que a veciñanza da provincia poida coñecer e desfrutar das visitas por espazos singulares do territorio abertas a todos os públicos. Como destacou a presidenta Carmela Silva, este ano amplíanse prazas nestes proxectos “para poñer en valor o noso patrimonio arqueolóxico e arquitectónico que temos tan potente” e que se enmarcan na programación ‘ConFiando Cultura’.
Tras o éxito o pasado ano da primeira edición, ‘Historias Cavadas’ desenvolverase desde o 9 ao 29 de setembro, con novas visitas escenificadas para escavar na memoria dos castros da provincia. Este ano amplíanse a cinco xacementos doutros tantos concellos e de novo será Troula Animación o grupo encargado de darlle vida a estes espazos, con representacións dirixidas ao público familiar que terán lugar no Castro de Castrolandín (Cuntis) os días 9 e 23 setembro (18.00 horas); o Castro dos Cubos (Monte Aloia, Tui) os días 16 e 17 setembro (18.00 e 12.00 horas respectivamente); o Castro do Monte do Facho (Cangas) os días 10 e 17 de setembro (19.00 horas); o Castro de Troña (Ponteareas): 25 e 29 setembro, (12.00 e 17.00 horas) Castro da Lanzada (Sanxenxo): 11 setembro (dúas sesións: 12.00 e 17.00 horas).
As visitas serán accesibles e inclusivas, e a través de dous personaxes, unha castrexa e un romano, “a actividade abordará a rica historia dos castros desde unha perspectiva cómica”, como explicou a presidenta provincial.
A Deputación duplicou este ano as prazas (serán 300), cun tope de 30 persoas por cada unha das sesións. As inscricións deben facerse no enderezo electrónico historiascavadas2022@gmail.com. Só se poderá reservar para unha visita e na solicitude indicarase o nome do castro e a data da visita, o nome completo das persoas participantes (catro prazas como máximo) e un teléfono de contacto.
Rutas de Arquitectura
Por outra banda, tamén está aberta a inscrición para os percorridos da terceira edición das Rutas de Arquitectura, que a Deputación organiza coa Real Academia Galega de Belas Artes e que se desenvolverán os sábados desde o 17 de setembro ao 8 de outubro. Este ano serán catro visitas, con 35 prazas cada unha, que buscan sensibilizar a cidadanía na importancia da arquitectura do século XX, modernista e racionalista que tingue a provincia, e estarán guiadas por Estefanía López, Luz Paz e Javier Gómez. Chegarán a seis concellos: Vila de Cruces, Silleda, Vilagarcía, Vigo, Portas e Caldas.
Os percorridos comezarán o 17 de setembro na comarca do Deza cunha ruta guiada pola doutora en Arquitectura, Luz Paz, que inclúe a visita ao Poboado de Fontao en Vila de Cruces e o Mosteiro de Carboeiro e en Silleda. O día 24 será a ruta por Vilagarcía, cun percorrido por unha selección de vivendas unifamiliares e edificios modernistas e racionalistas (Avenida Xoán Carlos e Casa Carlos Becerra) e que conducirá a doutora en Arquitectura Estefanía López.
Xa no mes de outubro, o día 1 as rutas chegan a Vigo, onde de novo Estefanía López conducirá a visita polo Teatro García Barbón, o convento das Salesas, edificios recoñecidos como Sanchón e Curbera e a ermida do monte da Guía. E o 8 de outubro o programa finalizará na comarca do Umia. Paula Pita, doutora en Historia da Arte, guiará as e os participantes dende a Fábrica Azucreira de Portas para coñecer logo a arquitectura termal de Caldas: o Balneario Acuña e o Hotel-balneario Davila. Tamén pasarán polo Xardín Botánico, a carballeira, a Fábrica da Luz e a Fervenza de Segade no citado concello.
As persoas interesadas en participar poden anotarse no correo roteiros.cultura@depo.es e poderán anotarse como máximo en dúas rutas, e cun tope de catro persoas por reserva.