O xurado, que se reuniu onte mércores, seleccionou 6 obras na categoría de Vivenda, 5 obras en Rehabilitación, 5 en Equipamentos, 6 en Deseño Urbano, Planeamento e Paisaxe, 5 en Obras de Reforma e Interiorismo, 5 en Arquitecturas Efémeras e de Baixo Custo, 5 en Divulgación, Investigación e Deseño, e 5 en Proxecto Fin de Carreira. O Premio á Traxectoria Profesional farase público nos próximos días.
Na categoría de Equipamentos foron nomeados o proxecto da depuradora do Lagares, que correu a cargo de Perfecto Cendón Domínguez e Francisco Javier Vázquez Fernández, e a Escola infantil en A Veigadaña, en Mos (Estefanía Grandal Leirós, Juan Ignacio Prieto López e Faustino Patiño Cambeiro). En Obras de Reforma e Interismo optarán ao premio a reforma, acondicionamento e actividade para clínica oftalmolóxica da clínica Javier Fernández Ulloa, situada na rúa Colón de Vigo (Pablo Menéndez Paz) e a cafetería Mola, Coffee & Play de Redondela (Castroferro Arquitectos). Por último, resultou finalista en Rehabilitación a igrexa de Tirán, en Moaña (Antonio Pernas Varela).
O xurado está composto polo decano do Colexio de Arquitectos, Antonio Maroño, que actuará como presidente. Na función de vogais, a Xunta de Goberno do Colexio designou a dou arquitectos de recoñecido prestixio, Cristina Ouzande e o portugués João Santa Rita. En representación da ETSA de A Coruña forma parte do xurado a arquitecta e subdirectora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña Amparo Casares, ademais do responsable da Comisión de Concursos, Formación, Cultura e Comunicación do COAG, Cristóbal Crespo González. E o secretario do xurado é o secretario do COAG, José Luis Sanmiguel Guerreiro.
Para facer públicos estes prestixiosos galardóns da arquitectura galega máis destacada do momento, o Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará unha gala de entrega de premios o vindeiro 29 de marzo no Teatro Jofre de Ferrol (Praza de Galicia, s/n), ás 20:00 horas.