O Álbum de Galicia, colección biobibliográfica que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de incorporar a entrada de Jenaro de la Fuente Domínguez (Villa de Torquemada-Palencia, 1851 – Vigo, 1922). Xosé Ramón Fandiño é o autor da entrada deste arquitecto que foi unha peza fundamental na configuración da fisionomía arquitectónica do ensanche de Vigo.
A entrada do Álbum de Galicia destaca a influencia do seu pai, arquitecto de profesión, na traxectoria profesional de Jenaro de la Fuente. Formouse na Escola Especial de Arquitectura de Madrid e, como tenente do Corpo de Enxeñeiros Militares, acabou traballando en Vigo na Comandancia de Enxeñeiros. A súa titulación non lle permitía traballar en obra pública, o que lle ocasionou continuas desavinzas coa Asociación de Arquitectos de Galicia, que pretendía prohibirlle desempeñar a dirección das obras do Concello de Vigo tras o seu nomeamento como director facultativo das obras municipais.
Jenaro de la Fuente e a fisonomía de Vigo
Con todo, Fandiño explica na súa entrada biográfica que, malia pasar etapas afastado do seu posto municipal, “De la Fuente contribuíu a definir a fisionomía de Vigo nun momento de gran puxanza e expansión, realizando numerosos proxectos de apertura de novas rúas e aliñamento das vellas, informes, peritaxes…”. Como técnico municipal interveu no Mercado do Progreso, nos pedestais dos monumentos de Casto Méndez Núñez e José Elduayen e nas obras do cemiterio de Pereiró, no que el mesmo deseñou o panteón familiar e no que foi enterrado o 21 de agosto de 1922.
Jenaro de la Fuente foi tamén debuxante, o que o levou a ser docente na sociedade Liceo de Vigo e na Escola de Artes e Oficios. A súa formación autodidacta levouno a formar unha biblioteca anegada de libros e revistas de arquitectura moderna de toda Europa. Foi así como descubriu un estilo ecléctico internacional con reminiscencias francesas que imperaba na época e que marcou o seu propio estilo. Coincidiu tamén que nese momento Vigo vivía un período de forte expansión urbana caracterizado por un monumentalismo e unha grandiosidade aos que De la Fuente se adaptou estupendamente.
Casa Bárcenas
A construción da casa de Manuel Bárcenas Franco (construída entre 1879 e 1884) foi a carta de presentación dese estilo ecléctico que lle brindou a posibilidade de desenvolver numerosas obras para as familias máis importantes de Vigo: a casa de Nemesio Sobrino Portela (1878), o proxecto do Edificio Laforet (1883); o edificio de Inocencio Carrasco (1886) ou a casa de Francisco Sitjá (1886).
Del tamén son os planos da casa para Bernardo Rodríguez (rúa Colón, 42 e esquina coa rúa Príncipe, 63), o proxecto da casa para Pedro Román (1889), o edificio de Ramón Arbós (1992), a Casa Ledo (1893) ou a casa de Eduardo Pardo Labarta (1911), así como outras non menos importantes: a casa de Augusto Álvarez Granada (1894), o edificio de Antonio López de Neira (1898) ou a casa de Prudencio Nandín, construción ecléctica con moita ornamentación modernista.
Gran Hotel Mondariz
A entrada destaca o feito de que Jenaro de la Fuente non só fixo obra en Vigo, senón tamén no resto da provincia de Pontevedra. Algunhas foron tan importantes como o proxecto do Gran Hotel Mondariz, inaugurado en 1898 e convertido en símbolo de luxo e maxestade das súas instalacións, que lle encargou o propio Enrique Peinador; o edificio do Balneario Acuña, en Caldas de Reis, e tamén o proxecto de ampliación e reforma de Lourizán (Pontevedra) solicitado por Montero Ríos.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 715 entradas, das cales as máis recentes son as de María Xosé Rouco Lamela, Blanca Jiménez Alonso, Cruz Comesaña e a actualización da biografía de Manuela Rey González.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.