Pazos, mosteiros, construcións civís, castrenses e relixiosas da provincia son os protagonistas das Rutas de Arquitectura cos que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para difundir o patrimonio en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes. Nesta edición serán catro as andainas previstas, que percorrerán espazos de dez concellos da provincia e que se celebrarán os sábados pola mañá do 18 de setembro ao 9 de outubro, cun total de 100 prazas. O desenvolvemento destes percorridos estará guiado por un protocolo de seguridade sanitaria e será obrigatorio o uso de máscara.
Cada un dos catro itinerarios, que se celebrarán en horario de 10.00 a 13.30 horas, contará con 25 prazas e terá como guías ás doutoras en arquitectura Estefanía López e Luz Paz. Para participar é precisa a inscrición previa, que xa pode realizarse no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes (máximo de catro por reserva) e un teléfono de contacto.
Os percorridos arrancarán o 18 de setembro coa ruta por Pontevedra e Poio que tivo que suspenderse o pasado ano por mor da Covid-19, e que conducirá Estefanía López. Nela, as persoas participantes visitarán as Ruínas de San Domingos, pazos urbanos e as igrexas da Peregrina e San Bartolomé en Pontevedra, así como o Mosteiro de Poio.
A segunda das andainas desenvolverase o 25 de setembro na comarca do Baixo Miño, onde tamén Estefanía López guiará este percorrido polo Mosteiro de Santa María de Oia, a igrexa de Santa María e o Castelo de Santa Cruz no concello da Guarda e a Fortaleza de San Lorenzo de Goián en Tomiño.
Doutra banda, Luz Paz ofrecerá as explicacións da ruta que terá lugar o 2 de outubro pola comarca de Caldas, nos concellos de Moraña e Catoira. Nel visitaranse o Santuario dos Milagres de Amil (Moraña), e as Torres do Oeste, a ermida e a carballeira de San Cibrán de Dimo en Catoira. Por último, o 9 de outubro a mesma guía conducirá a ruta por espazos patrimoniais na comarca do Salnés. Partirá do Mosteiro da Armenteira (Meis) e continuará pola Igrexa de Santa María de Dozo (Cambados) e o Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia).