O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”. Este ano presentáronse 75 proxectos (40 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 24 na de Pontevedra e 11 na de Ourense) de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e mesmo artesáns da madeira ou do metal.
O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. Tras horas de liberacións, seleccionou 14 obras e mostrou a súa satisfacción ao corroborar o incremento de obras presentadas respecto doutros anos, e a constatación da gran calidade de todas elas, que premiadas ou non, son “testemuño do bo facer, do talento e do esforzo agochado tras cada traballo”.
O acto de entrega de diplomas celebrarase en Pontevedra no mes de novembro para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias.
Os premios naceron no ano 2001 co obxectivo de poñer en valor e contribuír á harmonía entre arquitecto e promotor, para acadar o mellor resultado arquitectónico e construtivo posible, converténdose na maior aposta e pulo para o recoñecemento social desta disciplina.
Os proxectos premiados en Vigo a a súa área metropolitana son os seguintes:
-Rehabilitación de edificio para vivenda unifamiliar na Rúa Ferrería 8 de Vigo a cargo de Ramón Viéitez Rodríguez e Alberto Cebral Loureda.
«Pola habilidade na incorporación da luz cenital como elemento conformador da vivenda, coa dificultade engadida da mínima e singular morfoloxía da parcela nun contorno moi consolidado dun casco histórico».
-Reforma interior de piso de grandes dimensións para dúas vivendas na Rúa Marqués de Valladares de Vigo a cargo de David Vázquez García.
«Pola acertada optimización do espazo cunha habilidosa organización das dúas vivendas, dotándoas dun programa máis contemporáneo do preexistente, así como pola actualización das envolventes que favorecen un maior confort e aforro enerxético».
-Reforma, acondicionamento e actividade para clínica oftalmolóxica. Clínica Javier Fernández Ulloa na Rúa Colón número 3 de Vigo a cargo de Pablo Menéndez Paz.
«Pola súa linguaxe perfectamente integrada na fachada do edificio preexistente, e pola elegancia e acerto no deseño de todos os elementos arquitectónicos e icónicos que conforman o proxecto».
-Edificio Faraday na Etea a cargo de Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso.
«Polo respectuoso trato da arquitectura preexistente, nun exercicio de intencionadas contencións, así como pola eficacia funcional do programa proposto».
-Casa para un artista na Rúa Vista Alegre de Vigo, a cargo de María Pilar González Ferro e Jordi Castro Andrade.
«Pola súa proposta que, desposuída de complexos, recupera os vellos elementos construtivos e fai deles parte da nova coreografía, na que unha construción directa e sincera, fai que a casa adquira unha nova identidade chea de significado».
-Stand Navaliber en Navalia 2018, a cargo de Pablo Menéndez Paz.
«Pola uso da cor como elemento identitario pero sen renunciar á elegancia que aporta unha malla estrutural que xoga co perfecto equilibrio entre contundencia e fraxilidade».
-Vivenda unifamiliar aillada na Guarda, a cargo de Xavier Pousa Arbones.
«Pola habilidosa resolución do programa nunha parcela de complicada topografía e morfoloxía, así como polo agradecido uso dos materiais e solución de fachada».
-Rehabilitación e ampliación de centro de actividades de montaña con aloxamentos en Tui, a cargo de Alfonso Salgado Suárez e Francisco Xabier Liñares Túñez.
«Pola correcta integración no lugar de todo o conxunto edificado, tanto as novas construcións como os volumes rehabilitados, nun equilibrio perfecto entre volumetrías tradicionais e materialidade, o que permite a posta en valor do contorno».
-Zenvisión en Tui, a cargo de Jorge Enríquez Méndez.
«Pola firme aposta no uso dun material único que permite a resolución de moitos dos elementos que requiría o programa, e por demostrar á perfección a importancia e peso da estratexia proxectual no éxito final dunha obra, máis alá dos condicionamentos orzamentarios».