As delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) fallaron os galardóns dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2020. Estas distincións supoñen un recoñecemento ao labor conxunto e necesario de todos os axentes -arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores- que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Ourense, Pontevedra e Vigo. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.
Este ano presentáronse 69 proxectos (47 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 10 na de Pontevedra e 12 na de Ourense) de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e mesmo artesáns da madeira ou do metal.
O xurado resalta o bo facer destes profesionais para acadar a calidade da que gozan todas as candidaturas. “Todas as obras que foron candidatas aportan ese gran de area á arquitectura, e sobre todo á sociedade, e máis na situación na que nos atopamos na actualidade marcada pola pandemia”, indica a organización do certame.
O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. Estivo composto polos presidentes das delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos, Rafael Castro Armesto, Anselmo Villanueva Peón, e Manuel Martínez Carazo, respectivamente; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva, Berta Peleteiro por Ourense, Ana Couto por Pontevedra, e José Javier Villacé por Vigo; a arquitecta María Sonia López, premiada en edicións anteriores; e o secretario da delegación ourensá Abel Mares.
Despois de case seis horas de intensas liberacións, o xurado seleccionou 15 obras (13 de Vigo e 2 de Ourense). O acto de entrega de diplomas aprázase ata que a situación actual o permita.
Os premios Gran de Area naceron no 2001 co obxectivo de poñer en valor e contribuír á harmonía entre arquitecto e promotor, para acadar o mellor resultado arquitectónico e construtivo posible, converténdose na maior aposta e pulo para o recoñecemento social desta disciplina.