O luns 27 de decembro celebrarase, ás 19.00 horas, un ‘showcooking’ con Xiana Pérez no restaurante de El Corte Inglés de Vigo. A demostración de cociña xirará arredor do libro ‘As receitas de Xiana’.
A autora ensinará ás persoas asistentes a elaborar tres receitas sinxelas e saborosas da súa publicación, con pratos doados para que calquera se poida animar e para achegar ideas novas. O evento ten un aforo limitado, polo que é preciso confirmar asistencia na libraría de El Corte Inglés ou no teléfono 986 416 400.
A blogueira fixo unha escolma de receitas sinxelas que abranguen pratos con ingredientes tradicionais, ata todo o contrario. Nesta selección de receitas pódese atopar peixe mariñado, sobremesas veganas ou fariñas ‘exóticas’ para todos os gustos.
Pérez comezou a subir as receitas ao seu blog en 2013. Este libro é o resultado dunha morea de versións de pratos, das suxestións dos lectores e da experiencia que foi collendo durante todo o proceso.