A Deputación de Pontevedra vén de publicar o anuncio da poxa para a colleita de uva albariña e outras variedades brancas da leira do Castelo de Soutomaior. Esta emblemática finca, propiedade da institución provincial, dispón dunha explotación vitivinícola desde o ano 1984 que ocupa unha superficie de máis de catro hectáreas das 30 coas que conta todo o complexo histórico e patrimonial.
As empresas interesadas en recoller a e aproveitar comercialmente a uva do Castelo de Soutomaior poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 24 de agosto. A adega adxudicataria levará a cabo a vendima na mesma veiga do castelo e encárgase tamén do traslado da uva. O único criterio de adxudicación que se ten en conta é a poxa máis alta partindo dun prezo mínimo establecido. Este ano, a poxa da Deputación iníciase cun tipo de saída de 1,25 euros por quilo de uva albariña e de 0,95 euros para as outras variedades brancas (IVE incluído).
Prevese que a colleita será máis pequena ca do curso pasado por unha menor nascencia de acios. Calcúlase que pode alcanzar os 12.000 quilos de uva entre albariño e variedades, case 5.000 quilos menos dos recollidos no 2021 (16.800 quilos), pero por enriba dos 11.024 quilos de 2020. De tódolos xeitos, trátase de cifras moi afastadas do récord de máis de 23.000 quilos alcanzado durante a anada de 2013.
A explotación vitivinícola de Soutomaior distribúese nunha parte con terreos tipo castel e en terrazas, e outra sobre terreos húmicos, fértiles e con cuberta vexetal suficiente. A uva do castelo é autóctona, na súa maioría albariño, pero tamén hai outras variedades tanto brancas (godello, torrontés, loureiro e treixadura) como tintas (mencía e sousón).