Todo o que leva un bo cocido galego púidose degustar este venres en Vigo, primeira parada do roadshow, que patrocina Gadis, para promocionar o popular evento gastronómico de Lalín, que alcanza a súa 52 edición.
Á fronte dos fogóns en directo estivo o recoñecido restaurador Luís Guerreiro, do Restaurante As Palmeiras, nun set de cociña improvisado no Centro Comercial As Camelias. Entre os asistentes, o alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias; a concelleira de Turismo, Begoña Blanco; o concelleiro vigués Santos Héctor Rodríguez, e Pablo Louro, delegado de Área de Gadisa.
O prato forte vivirase o próximo 16 de febreiro na capital dezana, onde se espera que acudan milleiros de persoas. Por diante, un mes para degustar este delicioso prato durante o xa tradicional “De San Amaro a San Valentín, Mes do Cocido en Lalín”, no que participan 24 restaurantes da localidade.
Gadis, patrocinador do evento gastronómico, convida a todos os clientes a gozar da Feira do Cocido, e a participar nos seus supermercados da promoción de produtos do cocido, moitos deles procedentes de Lalín e a súa bisbarra.