A degustación comezará ás 11:00 horas e durará ata fin de existencias. Dende o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia prevén unha afluencia de asistentes de 5.000 persoas entre as que se repartirán 2.500 quilos de codillo de porco, 500 quilos de arroz, 150 quilos de chícharos, 5.000 bolos de pan e unhas 2.000 botellas de viño.
Ás 12.00 horas intervirá Verónica Romero, tras a que chegarán as actuacións do Grupo Airiños do Castelo, Banda de Gaitas e Grupo de Baile do CCD Santa Eulalia, do Grupo de Danzas Alquería, Escola de Folclore de Aranda de Duero, Burgos; e os intermedios estarán amenizados pola charanga Os Charamujas.
Coma sempre a programación desenvolverase en dous días. O programa de festas iníciase o sábado 19 de outubro cunha festa ambientada nas décadas dos anos 60, 70 e 80, titulada ‘O Codillo Vai de Guateque’. Terá lugar na contorna do Pazo de Mos ás 21.30 horas, con sorteo de premios para os asistentes caracterizados da época e animación musical a cargo do DJ-Edi Márquez.
Dando continuidade á programación doutros anos, o sábado celebrarase o concurso de serra de troncos con tronzador de man e un magosto popular con queimada.