A empresa Enoturismo Acha inicia este venres 9 de setembro a vendima na finca do Castelo de Soutomaior, tras resultar adxudicataria da poxa aberta pola Deputación de Pontevedra para a colleita de uva nas catro hectáreas de viñedos con que conta o recinto. Os traballos desenvolveranse entre o venres e o sábado 10 e estímase unha produción de 12.000 quilos de uva entre albariño e outras variedades.
A firma ofertou un prezo de 2,70 euros por quilo de uva albariña e de 1,04 euros para o resto de variedades. Desde o cambio de goberno na Deputación no ano 2015, adoptouse este sistema de poxa pública para a recollida da uva da finca. A empresa adxudicataria leva a cabo a vendima na mesma leira do castelo, e encárgase do traslado á súa adega.
Os viñedos do Castelo de Soutomaior, que se estenden en 4 hectáreas (o recinto ten unha extensión de 33) foron plantados nos anos 80. A explotación distribúese nunha parte con terreos tipo castel e en terrazas, e outra sobre terreos húmicos, fértiles e con cuberta vexetal suficiente, o que fai que as producións non sexan moi altas. A uva é autóctona, na súa maioría albariño, habendo outras variedades tanto brancas (godello, torrontés, loureiro e treixadura) como tintas (mencía e sousón).