A Deputación de Pontevedra é quen organiza esta iniciativa na que novamente serán protagonistas os viños Rías Baixas. A actividade comezará ás 11.00 horas e contará con dúas partes. En primeiro lugar, o sumiller Nacho Costoya guiará ás persoas participantes na cata dos cinco primeiros viños, explicando os principais detalles no que as e os asistentes deberán focalizar a súa atención. Posteriormente, os participantes terán que agudizar os seus sentidos porque comezará a cata na que “dos cinco viños degustados inicialmente presentaranse tres que serán os que o público deberá acertar a cegas”. Para as persoas gañadoras haberá un premio dunha estancia en establecementos adscritos á Ruta do Viño e tamén un sorteo de lotes de bodegas da Ruta do Viño Rías Baixas.
A actividade compleméntase cunha visita previa e por libre ao Castelo de Soutomaior, ás 10.00 horas. Ademais, a xornada contará con música en directo e unha vez rematada a actividade da cata e coñecidas as persoas gañadoras, terá lugar unha degustación de produtos galegos, como conservas ou embutidos, elaborados principalmente por empresas radicadas na provincia.