Preparacións gastronómicas típicas de diferentes países europeos readaptadas con produtos de quilómetro cero, da provincia de Pontevedra, convertéronse en protagonistas no Mercado de Gondomar a través do programa da Deputación de Pontevedra ‘Degusta Europa’.
Un grupo de 40 alumnas e alumnos e profesorado do CIFP Manuel Antonio de Vigo foron as e os encargadas/os de elaborar ata preto de 1.400 tapas que ofreceron á veciñanza da vila, ao deputado Santos Héctor Rodríguez e á deputada Iria Lamas, e a concelleiras e concelleiros de Gondomar entre os que se atopaban Rocío Goberna, Brais Misa, Nuria Lameiro e José Manuel Chamorro.
Dende cunca da horta de cabaza asada, escuma de patacas e aire de ceboliño ata tosta de cabala afumada, risotto cremoso de grelos con espeto de galiña, esfiado de porco a baixa temperatura en pan de pita, bucle de calamar crocante sobre produtos da terra, vasiños de iogur e crema de marmelo, enreixado de cabelo de anxo, melindres e torta das Rías Baixas, foron as degustacións preparadas polo alumnado do CIFP Manuel Antonio que se puideron desfrutar no ateigado Mercado de Gondomar.
O programa ‘Degusta Europa’, que lanzou no 2016 a Deputación de Pontevedra para conmemorar o Día de Europa, desenvólvese en Mercados e Prazas de Abastos de concellos da provincia dinamizándoos da man de dous centros que representan a innovación e vangarda gastronómica, o CIFP Manuel Antonio de Vigo e o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra cuxo alumnado e profesorado encárganse da preparación das tapas.
Este ano, as propostas gastronómicas inspíranse en pratos franceses, italianos, suízos, gregos, daneses, checos, holandeses, belgas e irlandeses readaptados con produtos de quilómetro cero. Tralo paso por Gondomar, e ter recorrido xa O Grove, Mondariz e Pontevedra, onde xa se distribuíron preto de 4.000 tapas, o periplo do ‘Degusta Europa’ continuará este xoves, 26 de maio, no mercado do Progreso de Vigo, e rematará o 31 de maio no mercado da Guarda.