Tras un mes de celebracións, a Festa dos Callos do Porriño porá o broche de ouro ás Festas do Cristo este domingo, 2 de outubro, a partir das 12.00 horas. A festa gastronómica por excelencia da vila chega este ano á súa vixésimo novena edición e o fai co futbolista porriñés Gabri Veiga como padriño.
O centrocampista do Celta foi o encargado de presentar oficialmente o evento este xoves, nun acto no que estivo acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; o presidente da asociación de hostaleiros da localidade, José Manuel Fernández; e a presidenta da asociación de comerciantes do municipio, Juana Pérez.
Veiga agradeceu a toda a organización, Concello, hostaleiros e comerciantes do Porriño, “que fagan posible esta festa tan nosa e que seguro durará moitos anos máis” e animou a todo o mundo a “participar e degustar os callos este domingo no Porriño”.
Trinta locais participarán na festa ofrecendo racións de callos para “todos os gustos”. “Cada un ten a súa maneira de preparalos e haberá unha gran variedade de propostas”, comentou José Manuel Fernández.
No mesmo sentido se manifestou Juana Pérez, quen destacou que “hai tantas propostas como locais” polo que animou “a todo o mundo a probalas para decidir cal é a súa favorita”. O prezo da ración será de 7 euros e incluirá a tradicional cunca desta edición e pan do Porriño.
Antes de comezar a degustación que se ofreceu na praza e na que participaron veciños e veciñas que se achegaron ao Concello e nenos e nenas do CEIP Antonio Palacios que acudiron á presentación, o alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor unha festa “que ademais de ser unha tradición para todos nós supón un verdadeiro revulsivo para a economía local, atraendo a miles de persoas ás rúas da nosa vila”.
Lorenzo destacou que “os callos son un prato de gran arraigo no Porriño e hai tantas formas de cociñalos como fogares hai na vila”. “Neste sentido temos a honra de ser pioneiros na posta en valor deste prato e fomos os primeiros en celebrar unha festa na súa honra”, sinalou.