Celebrar o Día de Europa a través da gastronomía da provincia de Pontevedra. Esa é a base do programa ‘Degusta Europa’ que despois de pasar polos mercados municipais do Grove, Mondariz, Pontevedra e Gondomar, onde xa se degustaran preto de 4.000 tapas, chegou este xoves ao do Progreso, en Vigo.
As elaboracións do alumnado do CIFP Manuel Antonio fixo as delicias do público asistente que non deu abasto cos petiscos, tapas, bebidas e doces, un menú a base de pratos franceses, italianos, suízos, gregos, daneses, checos, holandeses, belgas e irlandeses readaptados e elaborados con produtos da terra.
A presidenta de Deputación, Carmela Silva, acompañada do deputado provincial Santos Héctor, do concelleiro de Comercio de Vigo Ángel Rivas, do director do CIFP Manuel Antonio e da Xerente do Mercado, amais das persoas visitantes, quixo enxalzar ese produto de quilómetro cero, que ten “unha enorme calidade” e que fai que a nosa gastronomía sexa “recoñecida a nivel nacional e internacional, sendo unha das mellores do mundo”.
Ademais, destacou que este programa serve para poñer en valor os mercados “lugares que forman parte da nosa historia”. Por iso, avogou por poñelos en valor, razón pola que “Degusta Europa” se celebra nestes espazos. “Anímovos a coñecer mercados como o do Progreso, porque apoiar o produto quilómetro 0 e mercalo neste tipo de establecementos é apostar pola nosa economía”.
En concreto, o menú de hoxe constaba de cunca da horta de cabaza asada, escuma de patacas e aire de ceboliño; tosta de cabala afumada; risotto cremoso de grelos con brocheta de galiña; desfiado de porco a baixa temperatura en pan de pita; tirabuzóns de calamar crocantes sobre produtos da terra; vasiños de iogur e crema de marmelo; enreixados de cabelo de anxo; melindres e torta das Rías Baixas. A veciñanza que acudiu ao mercado e os traballadores e traballadoras puideron probar 2.250 tapas das diferentes elaboracións.
Carmela Silva tamén quixo coñecer de preto como foi o proceso de elaboración dos pratos presentados, polo que charlou co alumnado do centro de FP Manuel Antonio para que lle contaran de primeira man como foi esta experiencia, na que puideron poñer en práctica os coñecementos adquiridos no centro e coñecer todo o proceso da cadea da hostalaría.
A última cita co programa ‘Degusta Europa’ terá lugar o próximo martes, 31 de maio ás 11.00 horas, no mercado da Guarda, onde será posible gozar das mesmas elaboracións realizadas polo alumnado do CIFP Manuel Antonio, un centro que, como lembrou Carmela Silva en Vigo, “é unha gran referencia e ten un alto nivel de calidade educativa”.