Salceda de Caselas quenta motores para a súa XXVIII Festa dos Callos, que terá lugar a vindeira fin de semana.
A organización destaca que esta supón a edición da volta á normalidade da festa, que manterá os prezos dos últimos anos. A ración de callos para degustar na propia festa, incluíndo o viño, o pan, o prato e a cunca, terá un prezo de 8 euros, podendo tamén levar os callos ‘en tarteira’ a 6 euros a ración. Ademais, por terceiro ano, na festa serviranse tamén callos sen glute para que as persoas celíacas non deixen de gozar do evento.
Alejandro Alonso, o mestre cociñeiro encargado da elaboración do prato, confirmou que se prepararán en torno as 20.000 racións de callos, para as cales se empregarán 1.900 kg de ventre de vacún, 920 kg de carne de pata de tenreira, 2.200 kg de garavanzo remollado, 425 kg de lacón e 350 kg de chourizo galego, co seu sofrito correspondente, que sumarán máis de 5.000 quilos de produto.
A cita virá acompañada por unha ampla programación que comezará xa este xoves, e que inclúe a volta de citas consolidadas como o XIV Serán dos Callos, que este ano se celebrará no venres, e a primeira edición do Concurso de Charangas, organizado xunto á Charanga Sghae e que fará que durante toda a tarde do sábado a música e o ambiente festeiro enchan as rúas e praza da vila.
Pepo Suevos será o encargado de dar o pregón da festa o domingo ás 12.00 horas e volverá subir ao escenario ás 20.00 horas no Auditorio Municipal para ofrecer o seu show.
O presidente do Grupo Señorío de Rubiós, Antonio Méndez, quixo mostrar o seu agradecemento ao Concello de Salceda de Caselas por contar un ano máis coa adega das Neves para a cita gastronómica, e presentou o viño que acompañará aos Callos esta fin de semana, un Sousón Tinto de Señorío de Rubiós, a uva máis abundante de Rubiós.
“Nesta edición recuperamos o pulso da Festa dos Callos con moita forza, con novidades e coa ilusión de que a nosa veciñanza poida desfrutar como sempre dunha cita gastronómica tan importante para o noso pobo. Esta fin de semana Salceda volverá a ser esa vila acolledora a que acudiran milleiros de visitantes para celebrar connosco á volta á unha das nosas festas máis importantes”, sinala a alcaldesa, Verónica Tourón.
PROGRAMACIÓN
Xoves, 1 de setembro
- 20.00 Rockeamos todas con Pakolas. Praza do Concello
- 22.00 Concerto dúo Souzar. Auditorio Municipal
Venres, 2 de setembro
- 18.00 Festivaliño on the Road 2022. Praza do Concello
- 22.30 XIV Serán dos Callos. Praza do Concello
Sábado, 3 de setembro
- 19.00 Concurso de Charangas
- 00.00 Concerto Turre’s Band. Praza do Concello
Domingo, 4 de setembro
- 09:30 Apertura de billeteiras e despacho de callos. Animación con Animar-T e charanga Nova Jomada.
- 12:00 Lectura do pregón a cargo de Pepo Suevos.
- 20:00 Monólogo de Pepo Suevos. Auditorio Municipal