Unha nova edición do ‘Petisquiño’, o concurso de tapas da cidade de Vigo, comeza este xoves con importantes novidades para buscar o mellor bocado deste ano 2024.
Cando se cumpren dez anos da súa posta en marcha, nesta ocasión e por primeira vez, inclúese unha nova categoría, a tapa máis larpeira, que premiará a mellor preparación doce.
En total serán 32 establecementos participantes e un total de 41 tapas entre salgadas e doces. O certame celebrarase entre o 10 e o 27 de outubro.
Na presentación do premio participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o presidente de Feprotur (Federación Empresarial de Turismo y Hostelería de Pontevedra), César Sánchez-Ballesteros, e a coordinadora do ‘Petisquiño’ e voceira de Hostelería de Vigo, Celia Cabrera.
Caballero subliñou que o “Petisquiño é un dos fitos fundamentais da cidade. Vigo é unha gran potencia turística. Os que vivimos nela gozamos máis que nunca da nosa cidade pero tamén está a xente que vén de fóra. Os hostaleiros sodes os prescriptores deste turismo polo servizo marabilloso que recibimos e reciben. Sodes os motores de Vigo”.
Cabrera anunciou que este ano, con motivo do décimo aniversario do certame, haberá “récord de premios, en total, valorados en 5.000 euros a repartir entre todas as categorías”.
Lembrou que a final terá lugar no Hotel Attica21, o vindeiro 5 de novembro, e nela mediranse os establecementos coas tapas máis votadas durante as tres semanas que dure o concurso.
O público poderá votar as tapas a través da aplicación de Feprotur, onde haberá unha ficha de cada unha delas incluíndo os seus valores nutricionais e alérxenos. A Federación aproveitou a presentación para agradecer o compromiso do Concello coa cita gastronómica, así como o do resto dos colaboradores entre os que se atopan Convention Bureau, Estrella Galicia, Ponte da Boga, Chef Maestro, Abinco Digital, Reyvi e Congelados Alarga.
O obxectivo último do ‘Petisquiño’ é pór en valor a oferta gastronómica da cidade e fomentar o consumo e coñecemento entre os hostaleiros de Vigo.
Os 32 locais participantes ofrecerán as súas tapas a un prezo de 4 euros nun determinado horario especificado polo propio local.
O gañador á Mellor Tapa 2024 representará a cidade na Gala Show Cooking “mellor cociñeiro de tapas por Galicia (campionato autonómico) e tamén no Campionato Oficial Hostelería de España – Tapas e Pinchos (campionato nacional).
O resto dos galardóns son: premio á tapa máis popular, á que mellor maride co viño Ponte de Boga, á mellor elaborada con produtos do mar, a tapa máis riquiña e a máis larpeira.