O Castelo de Sobroso vestirase este xoves pola tarde coas súas mellores galas para acoller o desfile de traxes de noiva no que o estilita Óscar Novo presentará as novas apostas da deseñadora Patricia Avendaño, que forman parte da súa colección nupcial para o ano 2020. Ao evento asistirá a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, entre outras autoridades.
Na cita, que comezará a partir das 19:30 horas no Castelo, haberá tempo para a cultura e tamén para a posta en valor dun dos elementos máis importantes do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra. Deste xeito, o evento –que estará conducido por Diana Nogueira– contará, ademais de co desfile de traxes nupciais da colección de Patricia Avendaño, con dúas actuacións estelares a cargo da vocalista Rosa Cedrón, imaxe de marca de Óscar Novo, e a compañía Nova Galega de Danza.
O desfile será unha mostra máis do xeito en que tradición e vangarda conflúen no traballo que vén desenvolvendo a Deputación de Pontevedra estes últimos anos, co obxectivo de crear novas experiencias e novos atractivos para a captación de visitantes do destino #PontevedraProvincia.
A institución provincial ten apostado pola moda en actividades como a exposición ‘A moda en detalles’, que acolleu en 2019 o Castelo de Soutomaior acompañada de visitas guiadas temáticas arredor da moda e da camelia, ou a mostra ‘Galicia, a terra dos mil panos’, que se converteu nunha das máis visitadas do ano 2019 no Museo de Pontevedra.
Ademais, a presidenta provincial Carmela Silva presentou este mércores a pasarela de traxe tradicional ‘Unha ollada polas arcas pechadas’, que terá lugar este venres a partir das 20:30 horas na nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo coa colaboración da Asociación Etnográfica Sete Espadelas.