O Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda que se imparte na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo constitúe, segundo sinala a firma, “unha das principais institucións no estudo e formación do deseño de moda en España”.
‘Now becoming then’ é o título desta colección cápsula elaborada por catro estudantes de Esdemga –María Lázara, Silvia Marra, Alexandra Pais e María Cuntín-, que ofrece unha selección de pezas inspiradas nunha viaxe a través do espazo a un universo singular. Esta colección desenvólvese arredor de pezas románticas, fluídas de corte minimalista en organza lisa e estampada. Mantén un equilibrio de liñas puras que se racha coa incorporación de prospostas máis técnicas como un trench metalizado.
Os estampados gráficos de figuras espaciais fan un aceno á súa inquietude polo futuro, salienta o texto de presentación de ‘Now becoming then’. A paleta de cor en tons pasteis lembra á fotografía de atardeceres de paisaxes do norte de España que, á súa vez, contrasta coa sobriedade de tecidos como o popelín en tons brancos que neutraliza e unifica a colección.
O terceiro centro participante de todo o mundo
Nas súas anteriores edicións, o proxecto VIEW.S colaborou coa Universidade de Tokio Bunka Gakuen e coa Chelsea College of Arts de Londres, dous centros de referencia no eido do deseño de moda, salienta no Diario da Universidade de Vigo Lola Dopico, directora de Esdemga. “Para nós é un orgullo estar dentro dese grupo de escolas, é fundamental, algo que nos posiciona como unha formación de referencia en España e internacionalmente”. Para Dopico, a selección destes estudos para participar neste proxecto supón unha oportunidade “fantástica” para as estudantes, pero tamén achega “unha proxección moi importante”.
A directora dos estudos remarca que a moda está moi ligada ás grandes capitais, «iso é unha realidade, é traballar na formación en moda e ter un proxecto de referencia desde a periferia non é fácil”. Por este motivo incide en que “realmente isto é un recoñecemento e unha proxección, un proxecto que sae á venda internacionalmente». Lembra tamén que en España hai «moitas escolas de deseño con moito nome» e, nese sentido, que Esdemga fose «a primeira na que pensaron é moi importante para e escola e para a Universidade de Vigo”.
O froito de meses de traballo
Silvia Marra, María Lázara, María Cuntín e Alexandra Pais, estudantes do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda e do título propio de Esdemga, foron seleccionadas por Zara para deseñar unha colección que é o froito, explican, de meses de traballo en coordinación cos equipos de deseño da firma. “Foi unha oportunidade tremenda”, salienta Cuntín en referencia a un traballo que, en primeiro termo, lles levou a presentar unha proposta de colección “na que queríamos tamén conservar a identidade da escola”.
A partir de aí comezaron a traballar en coordinación cos equipos de Zara, desde a ideación inicial da proposta ata a propia produción da colección. “A convivencia entre o traballo da escola e o do departamento dentro da empresa foi o máis enriquecedor. Penso que un punto diferente no proceso creativo foi ter en conta a parte receptora, ao que non estamos tan acostumadas na escola”, engade Marra. Sinala a valiosa aprendizaxe que supuxo dar forma a unha colección que, a diferencia dos “proxectos persoais ou de equipo” que se desenvolven na contorna académica, implicaba ter en conta tanto a un público como un proceso de produción.
“Para nós a escola é xa como unha especie de trampolín, pero formar parte dun proxecto como este, dun equipo que está representando á escola, que tamén é unha responsabilidade, realmente é unha das cousas que máis ilusión che poden facer”, engade Marra. Por isto, agardan que este traballo constitúa tamén un factor de “diferenciación” na súa futura traxectoria profesional.
“Somos conscientes de que estamos rodeadas, aquí mesmo na escola, de persoas con moitísimo talento e con moitísimas gañas de traballar, polo que soamente que nos escollesen nesa selección interna xa é moi valioso”, engaden as creadoras de ‘Now becoming then’. Dopico destaca esta creación como “a demostración da posibilidade de que persoas moi creativas traballen en grupo, coordinadas ademais con outro equipo exterior”.
No escaparate internacional da Graduate Fashion Week
Outro elemento que máis proxección internacional achega a Esdemga é a participación, por terceiro ano consecutivo, na pasarela internacional da Graduate Fashion Week, un evento no que 38 universidades e escolas de moda británica presentan as coleccións dos seus novos titulados e tituladas. 44 universidades de todo o mundo tomaron parte no International Catwalk Show que, xunto á entrega de premios, pechaba este mércores un evento que reúne a milleiros de persoas na Truman Brewery de Londres e no que Vigo foi de novo a única universidade española representada.
Neste “escaparate da moda cunha capacidade de atracción a nivel mundial”, como sinala Dopico, Esdemga estivo representada por Frágil, a colección que constituíu o proxecto de fin de estudos que Paloma García Santos presentou na última edición de Debut. Desta volta, compartiu pasarela coas creacións de titulados e tituladas de universidades e escolas de todo o mundo, que optaban cos seus proxectos ao International Fashion Award. O xurado outorgou finalmente este galardón a Ivy Lam, do Savannah College of Art and Design de Hong Kong.
A colección pontevedresa foi «moi ben acollida”, salienta García Santos, referíndose a un proxecto que presenta como “un achegamento artístico ao proceso de cubrir o corpo” e que mesmo espertou o interese de Hilary Alexander Obe, a directora de moda do Daily Telegraph. “É difícil defender o que fago, porque se sae bastante do normal e pode ser difícil de comprender, pero hoxe foi un día para estar orgullosa de como traballo e de como son, porque a miña colección é un claro reflexo da miña persoa”, engade este egresada, que marcha de Londres “con moito aprendido e con moitas oportunidades baixo o brazo”.
Á presentación nesta pasarela da proposta de García Santos sumouse a selección de zapatos deseñados pola egresada Claudia Baum, que tamén presentou o seu proxecto de fin de estudos en Debut 2018. A alumna tomou parte dunha exposición de complementos e accesorios vinculados á idea de sustentabilidade que, co patrocinio de Farfech, se levou a cabo no marco deste evento. Así mesmo, as creacións das tamén egresadas da última promoción Ana Micaela Fernández e María Cores formaron parte da selección de portfolios dixitais que puideron consultar as e os asistentes ao evento.