O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López fixo este venres en conferencia de prensa un balance dos resultados turísticos do 2024, un ano que, nas súas palabras, foi “inmellorable” e no que a provincia de Pontevedra rexistrou o maior número de visitantes da súa historia, con 1,8 millóns de persoas. “Foi o mellor ano turístico da historia da provincia con máis viaxeiros, un 10,5% por riba que os rexistrados no 2023; con máis turistas estranxeiros, un 3,5% máis que o pasado ano, e no que conseguimos converternos no destino líder de Galicia en canto ao grao de ocupación media anual, cun aumento do 1,44%”, destacou o presidente.
“Para que se fagan unha idea da evolución do turismo –asegurou Luis López- fai dez anos, no 2014, visitáronos un millón de persoas e no 2024 foron 1,8 millóns, un 80% máis”. Neste eido, o presidente remarcou que “non podemos máis que sentirnos orgullosos do 2024” e amosou o seu desexo de que “o 2025 continúe esta senda inmellorable porque para nós, para esta provincia extraordinaria, o turismo é un sector económico fundamental, xerador de emprego, de oportunidades, de riqueza”.
En liñas xerais durante o pasado ano a provincia recibiu ao 34% dos visitantes que acudiron a Galicia e dos preto de 1,8 millóns de persoas que chegaron a Pontevedra, o 68% procedía de España. A ocupación media ao longo do ano 2024 situouse no 42,32%, liderando así a ocupación hoteleira de Galicia. Ademais, ao longo do ano as oficinas da rede Info Rías Baixas atenderon a un total de 436.000 persoas, das cales o 74% procedían de España, principalmente de Madrid, Cataluña e País Vasco, e o 26% do estranxeiro, Portugal, Alemaña e Francia.
Por outra banda, durante o 2024 visitaron os castelos de Soutomaior e de Sobroso case 55.000 persoas (37.108 o de Soutomaior e 17.428 o de Sobroso), sendo o segundo mellor ano da súa historia aínda que os datos soamente contabilizan as persoas que entraron dentro dos castelos. “Se falamos de todas as persoas que se achegarnos á contorna, aos xardíns, podemos falar de cifras récord”, destacou López.
No que se refire ás rutas do Camiño de Santiago que atravesan a provincia, o presidente explicou que durante o 2024 foron percorridas por 182.464 peregrinos, cun incremento do 8% con respecto ao 2023. En concreto, o camiño máis transitado foi o Portugués, con 95.454, seguido do Portugués pola Costa (74.758), a Vía da Prata (9.028) e o de Inverno (2.870).