“Para nós é un orgullo que nos teñan elixido porque é todo un espaldarazo a nosa aposta por políticas turísticas vangardistas, eficientes e sostibles”, asegurou a presidenta provincial. Neste eido, Silva incidiu en que a Deputación de Pontevedra é a única institución galega e xunto con Avilés as únicas do Noroeste Peninsular en formar parte da Comisión Executiva, integrada por 9 destinos. Completan esta comisión os concellos de Benidorm, Calviá, Donostia, Arona, Santander e San Bartolomé de Tirajana, así como a Deputación de Palencia.
Para a presidenta da Deputación “que sexamos a única administración galega en ser escollida polo Goberno do Estado para participar na Comisión Executiva da Rede DTI, manifesta que a nosa aposta pola intelixencia aplicada ao turismo, pola accesibilidade, pola sustentabilidade, pola calidade e pola modernización tecnolóxica do sector turístico, está a ser un éxito”.
De feito, a Rede DTI vai a ser a encargada de definir o modelo de turismo do futuro, promovendo un novo marco de referencia baseado na innovación, coñecemento, tecnoloxía e gobernanza para construír espazos turísticos innovadores, sobre unha infraestrutura de vangarda que garanta o desenvolvemento sostible do territorio, a accesibilidade, a interacción e a integración da persoa visitante coa contorna, así como a mellora da calidade de vida das persoas que residen nos destinos.
Deste xeito, Silva informou dos principais obxectivos que ten a Comisión Executiva da Rede DTI para este ano 2019 e entre os que se atopan a coordinación dos destinos turísticos intelixentes con Segittur e Red.es así como o lanzamento de servizos de información e asesoramento a destinos turísticos intelixentes sobre axudas e fondos europeos.
Entre as súas liñas de acción para este ano a Comisión celebrará o segundo encontro do grupo de traballo de xestores/as DTI e lanzará as ferramentas de soporte á Rede DTI, máis en concreto o portal de destinos turísticos intelixentes, CRM e unha ferramenta de autodiagnose. Amais, a Comisión Executiva da Rede DTI vai iniciar os plans de acción de novos DTI, colaborar co III Congreso Mundial de Destinos Turísticos Intelixentes e aprobar e presentar un programa de traballo da Rede.