Nigrán organiza por segundo ano consecutivo unha excursión á estación de esquí de Alto Campoo (Cantabria) do 6 ao 8 de marzo. O prazo de inscrición xa está aberto e permanecerá dispoñible ata o 21 de febreiro. Para anotarse, é preciso acudir á oficina de Información Cidadá do Concello de 09:00 a 14:00 horas.
O prezo da escapada ascende a 125 euros para nenos de ata 12 anos e a 160 euros para o resto. A tarifa inclúe transporte en autobús, dúas noites en hotel de tres estrelas, almorzo e ceas no hotel, comidas a pé de pista e dous días de forfait con seguro. De xeito opcional ofrécense clases de esquí (32 euros) e aluguer do equipo (nenos 26 euros e adultos 38 euros).
A saída, en autobús, está programada para o 6 de marzo ás 16:30 horas dende a Casa do Concello de Nigrán, con cea ao chegar a Alto Campoo. Para o día 7 o plan contempla almorzo, esquí, comida a pé de pista, excursión de tarde, regreso ao hotel e cea. O día 8, tras o almorzo, poderase esquiar pola mañá e comer a pé de pista para logo regresar a Nigrán, con chegada prevista ás 22:00 horas.