O concurso contempla dúas modalidades. Por un lado sortearanse tres billetes dobres para participantes residentes na provincia de Pontevedra, que queiran viaxar dende o aeroporto de Peinador ata Valencia, Ibiza e Mallorca. E por outra parte sortearanse outros tres billetes dobres para habitantes de Valencia, Ibiza e Mallorca que queiran voar dende alá ata as Rías Baixas.
Para concursar, as persoas fans da páxina de Facebook de Turismo Rías Baixas (www.facebook.com/turismoriasbaixas) terán que realizar un comentario nunha das dúas publicacións do concurso, unha por cada modalidade. O comentario que realicen ten que estar relacionado con algún dos festivais Rías Baixas e o territorio onde se desenvolve, sen esquecerse de mencionar os hastags do certame #VoaRíasBaixasFests ou #VuelaRíasBaixasFests.
Ao seguir estes pasos, todas as persoas participarán automaticamente no sorteo das viaxes. Só se permite un comentario por participante. As persoas gañadoras poderán elixir as datas da súa viaxe entre xullo e setembro de 2018, suxeitas a dispoñibilidade e calendario da compañía aérea operadora.
Esta acción enmárcase dentro do Plan Estratéxico de Turismo que a Deputación ten aprobado co fin de promocionar o destino Rías Baixas e a provincia de Pontevedra ante públicos prioritarios como son as persoas consumidoras de produtos culturais. O obxectivo é promover destinos de interese para os e as pontevedreses, e ao mesmo tempo, que os nosos destinos atraian a viaxeiros e viaxeiras de fóra.