A ruta ten unha dificultade baixa e o seu percorrido será de 8 quilómetros. O prazo permanecerá aberto, cun límite de 300 prazas, ata o vindeiro mércores 6 de xuño a través dun formulario web en www.depo.gal/depo-andainas, aínda que o ano pasado as prazas esgotáronse en cuestión de minutos.
A andaina, como actividade complementaria, terá unha pequena charla sobre as aves que habitan nas Cíes e a importancia deste espazo para a súa conservación e a súa reprodución. Este hábitat foi declarado como Zona de Especial Protección para as Aves, e as súas zonas húmidas están protexidas dentro da Rede Natura 2000.
Esta segunda cita das ‘Depo Andainas’ ten como punto de saída no parque da Xunqueira de Moaña, a carón das pistas de atletismo, para logo dirixirse cara ao río da Fraga no seu tramo final e comezaremos a remontalo pola súa marxe. Neste tramo inicial atópanse os primeiros muíños. A ruta continuará río arriba, no lugar da Fraga, cun frondoso bosque autóctono e varios muíños, onde farase unha pausa e avituallamento líquido antes de iniciar o camiño de volta.
De regreso ao punto de saída, as persoas participantes irán cara o porto de Moaña para o embarque e traslado ás illas Cíes. Unha vez no barco repartirase comida a todas as persoas participantes para, nada máis baixar nas illas, dar inicio á segunda parte da andaina: a Ruta do Faro, onde apreciarase toda a súa extensión, así como os acantilados de máis de 100 metros, as furnas e as praias de Cíes.