Como en todas as DepoAndainas, a Deputación ofrece 300 prazas para participar neste itinerario, que se desenvolverá pola mañá e pola tarde do domingo. Así, na ruta da mañá, as persoas participantes percorrerán o coñecido Bosque Encantado de Aldán e poderán contemplar as vistas da Costa da Vela, un dos mellores enclaves naturais das Rías Baixas situado no concello de Cangas. Unha vez finalizada esta primeira andaina, desprazaranse desde o porto de Cangas ás Illas Cíes, onde desfrutarán dun almorzo e realizarán posteriormente a espectacular ruta do Monte Faro. En total, a DepoAndaina suma 10,5 quilómetros (3 en Aldán e 7,5 en Cíes) e ten unha dificultade media.
A camiñada está aberta a persoas de toda a provincia e de todas as idades, para facilitar a súa participación, a Deputación habilita autobuses que sairán dende a praza de Galicia, de Pontevedra, e da praza de España, de Vigo. A inscrición neste itinerario por Cangas e Cíes está aberto ata o 18 de setembro e as persoas que estean interesadas deberán cumprimentar o impreso de solicitude na páxina web da Deputación. Amais das 300 prazas previstas, o Concello de Cangas poderá ofertar outras 50 adicionais.
As DepoAndainas volverán despois xa en outubro, en que terán lugar as dúas últimas rutas das sete programadas: o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (a inscrición abre o 23 de setembro) e o día 12 pola ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (abre o prazo o 30 de setembro).