A comarca que mantivo a porcentaxe máis elevada foi Caldas co 86%, seguida de Pontevedra co 76%, da comarca do Morrazo co 73%, Vigo co 72% e O Salnés co 65%. As comarcas do Condado e A Paradanta acadaron o 51% de ocupación hoteleira, Deza e Tabeirós-Terra de Montes o 48% e a comarca do Baixo Miño o 47,6%. En canto ao turismo rural a ocupación, tal e como asegurou a presidenta provincial, ascendeu ao 33%.
O ente provincial tamén se mostrou contento polo récord de visitantes que está a rexistrar o Castelo de Soutomaior desde a súa reapertura. Deste xeito, se na primeira fin de semana da xornada de portas abertas se superaban as 1.000 visitas, nesta ponte foron 3.000 as persoas que acudiron ata Soutomaior procedentes de diferentes lugares da xeografía galega e do estado.
Plan de práctica laboral na Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas
Este martes publícase no Boletín Oficial da Provincia unha nova convocatoria de dez bolsas de práctica laboral destinadas a persoas con titulacións relacionadas co turismo para a Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas.
Este ano, como novidade, engádese ao Grao ou Diplomatura en Turismo e aos ciclos superiores de formación profesional en Información e Asistencias Turísticas e en Guía, Información e Asistencias Turísticas, o certificado de profesionalidade en Promoción Turística Local e Información ao visitante abrindo, deste xeito, máis o campo das titulacións.
As bolsas de práctica laboral para a Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas teñen unha dotación económica de 840 euros ao mes para persoas graduadas e diplomadas, 740 para técnicas superiores e 640 para as que accedan á bolsa co certificado de profesionalidade. As persoas interesadas en participar no proceso selectivo deberán presentar a solicitude nun prazo de dez días naturais contados a partir deste mércores 23 de maio.