O programa de rutas ornitolóxicas ‘Voando nas Rías Baixas’, que a Deputación de Pontevedra desenvolve en colaboración con SEO Birdlife, segue colleitando éxitos tras esgotarse en apenas 24 horas as quince prazas dispoñibles para o súa quinta e última saída desta edición, que conta tamén cunha lista de agarda doutras vinte persoas. A ruta levarase a cabo este próximo domingo, 6 de setembro, e achegará ás persoas participantes ata a Serra do Suído, que se estende polos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo.
A Serra do Suído é un sistema montañoso que non deixa indiferente a quen a visita. Cun alto valor ecolóxico, esta serra pontevedresa é famosa pola presenza de exemplares de lobo ibérico e de aves rapaces, coma o voitre leonado, a aguia calzada ou o miñato. Amais, sobre as pendentes de monte baixo as persoas participantes tamén poderán contemplar o voo da tartaña cincenta e a gatafornela. A Serra caracterízase polos altiplanos nos que abundan as queirogas, toxos e carqueixas e as súas partes baixas teñen fermosos vales e cursos de auga, que discorren entre bosques autóctonos ben conservados.
Estas rutas están a realizarse seguindo protocolos de seguridade e hixiene para facer fronte á crise xerada pola Covid-19. Deste xeito, foi reducido o aforo de 25 a 15 participantes e establécense diferentes normas para os inscritos que inclúen o distanciamento interpersoal ou a limpeza e hixiene (deberán levar máscaras e xel hidroalcólico). A Deputación pon a disposición das persoas participantes buses desde Pontevedra, co punto de encontro no Pavillón de Deportes ás 9 horas. No caso de que se despracen polos seus propios medios, este punto de encontro situarase na Praza do Concello da Lama, ás 10 horas.
Esta é a derradeira das rutas programadas nesta terceira edición de “Voando nas Rías Baixas”, que neste 2020 pasou pola Enseada de San Simón, o Complexo Intermareal Umia-O Grove, o Esteiro do río Miño e as Brañas de Xestoso. O programa está enmarcado no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con el, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.