A Deputación de Pontevedra abre este mércores a inscrición para participar nas “Rutas das Maceiras en Flor”. Serán, en total, catro percorridos que terán lugar o sábado 27 de abril e permitirán á cidadanía coñecer catro sidrerías singulares da Estrada (Rabiosa, Peroja, Ribela e Camino), concello líder na produción de mazá ecolóxica.
Todas as rutas comezarán visitando a plantación de Callobre e a sobreira de Valiñas, un exemplar duns 300 anos de antigüidade situado no Pazo de Valiñas, cunha altura aproximada de 22 metros e un dos máis importantes desta especie en toda Galicia.
Ao finalizar a visita á plantación, será o momento de coñecer unha das catro sidrerías participantes, na que se poderá desfrutar, ademais, dunha cata degustación de produtos.
Cada unha das rutas contará con 40 prazas, é dicir, haberá un total de 160, que poderán reservarse no formulario que estará habilitado na web de Turismo Rías Baixas a partir deste mércores, 17 de abril, ás 9:00 horas.
Outorgaranse por estrito orde de inscrición e só se poderán solicitar un máximo de 4 prazas por reserva. As visitas inclúen, ademais, o traslado en autobús desde Pontevedra (con saída e chegada desde a capela de San Roque), pero as persoas que o desexen tamén se poderán desprazar pola súa conta ata o punto de encontro.